ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Diego E. Barros

Putos mileuristas

10:45 04/02/2010

Foi José Luís Feito o último en sair con que a avoa fuma. Para o responsable de Economía e Finanzas da patronal española a razón da actual crise que soporta o Estado é o elevado salario que perciben os traballadores españois e que, unido ó caro que resulta despedir a alguén aquí fai desto un sindiós de aquí a Nova Celandia.

O tal Feito algo debe saber no tocante a salarios xa que cobra catro: ó que percibe como responsable monetario da CEOE hai que sumar os que ingresa como presidente do lobby das autopistas españolas (ASETA), da súa homóloga europea (ASECAP) e máis do Instituto de Estudios Económicos. Un pluriempregado en toda regra que até un dubida de como fai o tipo para dispoñer de tempo e sair, o pasado martes, a dar unha conferencia de prensa para queixarse dos sacrificios aos que teñen que facer fronte os emprendedores –o de empresarios vende mal en tempos de crise--, para manter a flote as empresas e pagarlle ós empregados un salarios tan estratosféricos que cómpre recortar xa, se se quere sair da crise antes da próxima glaciación.

Polo apretado da súa axenda profesional, a súa queixa saíu o mesmo día no que se fixo público un estudo de Adecco que sitúa os salarios españois un 50% inferiores ós percibidos polos traballadores de países da contorna como Alemania, Reino Unido ou Holanda e, en xeral un 20% menos que o salario medio da UE, segundo Eurostat. Simple aritmética xustificou Feito para quen os 1.600 euros (redondeando polo baixo) de salario medio en España, segundo o INE, están na raíz de todos os nosos problemas. Son cifras “moito maiores” das percibidas en Europa. É o que ten a ditadura da aritmética. Hai veces que dous é máis que catro. Un sempre foi desconfiado coa estatística. En especial coa dos salarios. É como aquel conto de que hai sete mulleres por cada home e hai quen se pregunta quen andará con catorce por aí. Boto unha ollada ao redor e busco entre os meus xente que chegue a eses 1.500 ao mes. Vaia por diante que non coñezo a ningún controlador aéreo. Quitando funcionarios, sóbranme dedos na man e só vexo mileuristas, aquela excepción de hai anos, agora convertida en regra e que resulta que para a patronal está na orixe de todas as desgrazas. De aí que Díaz Ferrán sexa, en realidade, un visionario na procura de solución ó problema. Directamente non pagar. Claro que, ben mirado, van ser ó final os controladores aéreos os culpables da aritmétrica que tanto amola á patronal.

E nós falando dos bancos e da avaricia empresarial que creron que as vacas gordas serían eternas cando a cousa era bastante máis sinxela e a solución estaba diante dos nosos fuiciños. Putos mileuristas.  

4,71/5 (21 votos)


Comentarios (14)

zarrulheiro #1 4/Febreiro/2010 zarrulheiro
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Concordo...mesmo acrescentaria que o de "mileurista" é uma miragem para a maior parte da população galega, especialmente até os 35 anos. É MUITO DIFÍCIL encontrar nesta faixa etária, e não só, pessoas cobrando 1000 euros ou mais.

E todo isto, não o resolvia Habichuela em 45 dias?

pitiriti #2 4/Febreiro/2010 pitiriti
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Corrixoche Diego, polo dos funcionarios, eu son funcionaria, agora miragrosamente ando polos 1.200 netos, pero contoche que fun traballar por mil raspados, e por 750, e deso, fai un ano.

patarruxo #3 4/Febreiro/2010 patarruxo
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

É a hostia como a dereita vai impoñendo o seu discurso a través do control que ten dos medios. Nun primeiro momento concordábase en que fora provocada polo capital, a especulación, as trapalladas dos bancos. Agora resulta que é culpa dos traballadores, dos pensionistas, que teñen a mala costume de vestirse e comer. O problema que os mesmos traballadores acaban creendo ese discurso..

ecoe #4 4/Febreiro/2010 ecoe
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Estes tipejos!!(pinche cuate en mexicano, non acho palabra axeitada en galego)coidan pola nosa parvice: como si non soubéramos de abondo -e directamente- cánto doble e máis é o salario mínimo en Franza, por pór un ex.

É que os tais emprendedores!! emprendérona con elevar ó máximo a explotación da clase traballadora e apropiarse cada vez máis de un maior cacho da riqueza que ésta prodúz, pois NIN hai resposta OPERARIA á crise PROVOCADA POLO GRAN KAPITAL (e aproveitan ó máximo o SOMETIMENTO que o sindicariado ! procurou no mundo do Traballo).

Moi certeiros os argumentos do concreto.

Raimundo #5 4/Febreiro/2010 Raimundo
[Valora este comentario Positivo -2 Negativo]

E o Mendez, o que afundiu a Caixa Galicia, e con ela, os aforros dos galegos... tamén da consellos... de facer cousas...

volvebreogan #6 4/Febreiro/2010 volvebreogan
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

é curioso porque nos países escandinavos son trileuristas como soldo base, cun amplo e consolidade sistema de seguridade social..iso entón para os neo-liberais que é?

ronpaulo #7 5/Febreiro/2010 ronpaulo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Ë moi popular issa frase "la pagan quienes no tienen culpa de la crisis" mas con isto desresponsabilizamos e infantilizamos a populaçom, quem tem a culpa logo? Os deuses? o a linhamento planetar?
A culpa tenhem-na os burócratas finanzistas e políticos, mas quem os elige?. A gente pode votar alternativas liberais e serias ou a dicotomia socilistas ou conservadores-populistas. Pode exigir políticas fiscais rigorosas e defesa a ultranza dos diritos civís, ou pode non faze-lo.Os que proponhem máis estado e intervençom só proponhem alimentar o ogro. má cousa

ecoe #8 5/Febreiro/2010 ecoe
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Breogán: pra eles ben há ser socialismo duro!

gonzalius #9 6/Febreiro/2010 gonzalius
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

MIRANDA ESE SI QUE NON TEN PROBLEMAS ECONOMICOS COBROU 22.743 EUROS POR DIETAS DE TRANSPORTE OURENSE-SANTIAJO DE COMPONENDAS NAMENTRAS IA NO COCHE OFICIAL DE BALTAR, A QUEN TRAICIONOU E PASOUSE A FRIJOLES. E O XUDAS ISCARIOTE DO PP DE OURENSE.
CON ESES EUROS COBRADOS POR MIRANDA PODERIAN VIVIR MOITAS FAMILIAR OBREIRAS
FRIJOLES ESCOITA O POBO ESTA NA LOITA!!!

Xarope #10 8/Febreiro/2010 Xarope
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

puto
s. m. 1. Menino, criança. 2. Filho.
pron. indef. 3. Nada, coisa nenhuma.

---------------------------

Pois é: por cima de puto, mileurista !

ESPARAVANDA #11 9/Febreiro/2010 ESPARAVANDA
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

FUNCIONARIOS: Hai moitas clases de funcionarios. Non é o mesmo o que firma que o que está a facer os papeis, ou o que está na "ventanilla" a aturar as queixas dos cidadáns.

Felipedodro #12 9/Febreiro/2010 Felipedodro
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Dende logo, hai que ter uns collóns coma capachos para atreverse a proclamar públicamente que un dos motivos da crise son os elevados salarios do proletariado. Concordo con que hai que baixar algúns salarios, como os de directivos, presidentes e executivos que cobran cantidades blasfemas para o traballador de a pé.
E o mais triste de todo é que nestes tempos de crise, as únicas propostas para crear emprego que se escoitan sexan as de abaratar o despido e baixar os soldos. Surrealista, non si? Digno do gran Miguel Gila...

gaiteirissmo #13 18/Febreiro/2010 gaiteirissmo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Certo case todo, menos esa opinión tan estendida como falsa de que os funcionarios e, por extensión, todos os traballadores das administracións públicas, sexan funcionarios ou non, cobramos "moito".

Certo é q

gaiteirissmo #14 18/Febreiro/2010 gaiteirissmo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Continúo, que enviei sen querer o comentario...

Dicía que non é certo que cobremos moito, haberá quen si, pero non han de ser a maioría.

Certo é que as táboas salariais dos empregados públicos non son moi boas de entender e dentro da mesma categoría profesional poden darse diferencias salariais significativas. Pero, ollo, os auxiliares, que é a categoría máis común, andamos na Xunta polos 1000 €, arriba ou abaixo dependendo da antigüidade. Eu, que nun par de meses completarei o terceiro trienio, veño cobrando uns 1025 €.

Igual hai a quen lle parece de máis... quen sabe.

A min vaime chegando para vivir e pagar os gastos do mes, pero venme a auga aos ollos se teño un gasto imprevisto...

Con todo o demais, estou de acordo no fundamental...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Diego Espiña Barros (Forcarei, 1979) é xornalista. É licenciado en Filoloxía pola USC e en Xornalismo pola Carlos III de Madrid e ten un master en Estudos Culturais hispánicos pola Western Michigan University. Tras o paso por varios medios galegos agora só escribe que, nos tempos que corren, non é pouco. »



Anteriores...