A expedición de escritores, ilustradores, editores e demais chegou á cidade porteña coas maletas cheas de presentacións e actividades que renovaron a ollada sobre a terra que impera nos arxentinos.
Os escritores Francisco Fernández Naval, Ramón Caride Ogando e Carlos Arias, a ilustradora Marisa Irimia, a poeta Estíbaliz Espinosa e funcionarios do sector además de editores galegos, chegaron a Bos Aires cunha grande cantidade de presentacións e actividades que mostraron aos arxentinos unha nova visión de Galiza.
As presentacións que a delegación de escritores, artistas e funcionarios galegos que participou da 34º Feira Internacional do Libro de Bos Aires ofreceron na capital arxentina sementou entusiasmo e imprimiu e alimentou unha ollada renovadora sobre a Galiza e os galegos e galegas.
Os escritores Francisco Fernández Naval e Ramón Caride Ogando foron dos primeiros en chegar dende Galiza xunto a o narrador Carlos Arias, a ilustradora Marisa Irimia e a delegada provincial da consellería na provincia da Coruña, Milagros Lantes.
Estadía en Arxentina
Fernández Naval e Caride visitaron a Sala Alfonsina Storni do café Tortoni o sábado 26 de abril para coñecer e falar cos integrantes do ciclo de literatura galega que alí se desenvolve. Os dous narradores e poetas achegaron un panorama da literatura galega da actualidade e salientaron a importancia da tradución para que os autores de Galicia cheguen aos lectores de todo o mundo.
Ao longo da súa estadía na Arxentina, tamén ofreceron charlas en centros da colectividade galega en Bos Aires, visitaron institucións e participaron das actividades previstas para a Feira do Libro.
Case ao tempo en que marchaban os primeiros en chegar, chegou a poeta Estíbaliz Espinosa. A autora coruñesa tamén coñeceu os rapaces e rapazas do colexio Santiago Apóstol e encheu a sala Leopoldo Lugones na noite do domingo cun sopro fresco e renovador a forza de música, imaxes e verbas. Abriu a súa presentación na Feira do Libro cantando docemente e logo percorreu o que chamou as "teimas" da súa obra lendo poemas e tecendo con eles lembranzas e historias. A particularidade da súa obra e o encanto da súa ollada sacudiron os tópicos sobre a poesía e as rimas e perfumaron de audacia e enerxía os espíritos alí presentes.
Nese mesmo acto, a secretaria Xeral da Igualdade, Carme Adán, presentou xunto co director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, a segunda edición do libro Polifonías cuios poemas foron lidos polas mulleres que integran o colectivo de galegas na diáspora Herbas de Prata.
As verbas de Blanco Amor
Un luns pola noite Eduardo Blanco Amor volveu a percorrer a cidade que tan ben coñeceu. Foi na presentación da reedición de La Parranda, a versión castelá d'A Esmorga que o propio autor traduciu en Bos Aires. O poeta Rodolfo Alonso, a escritora e investigadora María Rosa Lojo e Luís Bará foron os encargados de lembrar non só a figura do escritor senón tamén a relevancia da súa novela e a actualidade que aínda ten, como sempre pasa cos clásicos. Antes de rematar, o funcionario presentou na Arxentina o portal Letras de Galicia que moito pode axudar á difusión da narrativa e da poesía galegas actuais que case que son descoñecidas nesta beira do Atlántico.
De Mos a Mos, Malvela ofreceu o seu último concerto na Asociación de Residentes de Mos de Bos Aires que estaba a tope de persoas dispostas a gozar da música e da simpatía destas mulleres e destes músicos que ofreceron felicidade intensa a todos cantos enchían o enorme salón do centro galego. Como dixo unha das integrantes do grupo, se hai unha diferenza entre cantar na ducha e cantar como elas o fan, esa diferenza ten nome e apelido: Uxía Senlle.
Antes de regresar a Galiza, Luis Bará tamén visitou a funcionarios e responsábeis do sector do libro do goberno porteño. E fíxose un momento para pasar polo Tortoni e coñecer aos seus lectores galegos. Ao chegar, colleu un caderno e non deixou de apuntar -sobre todo- problemas, dificultades e eivas. Sorprendeuse coa noticia de que a única libraría galega da Arxentina -que funcionou ao longo de moitos anos no Centro Galego- viña de pechar as súas portas porque "non daba ganancia", segundo os directivos da entidade.
Lendo este artigo todo é unha marabilla, pero eu lin en http://www.galiciaconvos.com.a... a lectura do dia 4 de maio e quedei abraiada
e por qué quedaches abraiada?? de xente que fai cousas bonitas e de xeito voluntario están cheos os centros galegos polo mundo adiante. Chega iso para que nunha feira do libro (l-i-b-r-o) haxa que repetir un ano si e o outro tamén un espectáculo folclórico, coma se non houbese nada mellor nin mais apropiado para a ocasión que ensinar? son acaso os e as integrantes do coro do Centro Galego as únicas persoas que traballan pola cultura galega na Arxentina? non merecen, en todo caso, o mesmo sitio os outros coros que tamén os hai?
O Centro Galego de Bos Aires, e os seus adláteres, viven hoxe dos seus (moi xustos e recoñecidos) méritos de fai 50 anos. Pero sen renovalos, sen continualos e moito menos sen darlles vida no presente. Chega con ver o estado no que está o cuarto no que morreu Castelao para decatarse do que o é hoxe esa institución. Nese cuarto configúrase a mellor metáfora do que algunha vez foi e xa non é ese sitio.
E abofé que merece mellores defensores dos que ti les!!
¿cál é a ideia do que debe ser o cuarto de sanatorio onde morrer Castela? ¿Modernizado pola Europa do benestar copiada polo SERGAS que ten listas de espera para morrer? E un cuarto de hospital do ano 1950 que era unha modernidade comparado cos cuartos que tiña o Hospital Español de Bos Aires: 30 camas por unidade.
A emigración é un aspecto ainda non elaborado da identidade galega actual. ¿En que consiste "renovar" "continuar" e "darlle vida", rianxeira? ¿Que volten á loita contra a dictadura franquista, que editen os libros que nunca se editaban na Terra, que deixen o idioma que souperon manter, o galego, que deixen a solidaridade social diante a miseria dos paisanos, etc. etc. ? Pois habería que renovar a loita contra outros tipos de autoritarismos presentes e lograr un status serio para o futuro. Se os galegos os sentisen como irmáns e como parte da súa identidade. Namentres sintan que son especímenes estranos, inutil comentar.
"renovar" "continuar" e "darlle vida", Pedrel, é precisamente o que ti mesmo dis: "Renovar a loita contra outros tipos de autoritarismos presentes e lograr un status serio para o futuro". Non vivir pedindo cartos á Xunta a coste do que foron grandes méritos hai 50 anos. Maruxa Boga, dicía fai nada aqui mesmo, non quería ir a unha homenaxe que lle facían por medo a ser bicada polos mesmos que a combatiron por roxa e por concubina.
E sobre o cuarto no que morreu Castelao, dende logo non se trata de modernizalo no sentido arquitectónico. Trátase, pola contra, de facer co legado dese home. Algo máis que pechar a porta...