Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


Irlanda

Edición xestionada por María Golpe
RSS de Irlanda
Logo do referendo

E agora cal é o plan?

Desde Dublín, María Golpe analiza o por que do pau que os irlandeses lle adicaron esta semana nas urnas ao Tratado de Lisboa.

María Golpe - 11:15 15/06/2008
Tags: referendo UE

Xoves 12 de xuño. Ás dúas da tarde, Margaret Kearney, do condado de Carlow, estaba aínda por decidir que votaría no referendo. Margaret non entende que é o que gaña o país con aprobar o Tratado de Lisboa (raramente chamado ‘euroconstitución’ nos medios irlandeses), pero o que si que sabe é que Irlanda (coma outros países pequenos da Unión Europea dos 27) perderá o seu comisario en Europa 5 anos de cada 15.

"Somos un país tan pequeno, que a ninguén en Europa lle vai interesar o que teñamos que dicir", di Margaret, tentando decidir o seu voto lendo un artigo no Irish Independent. Pero o voto de Margaret está ben decidido xa antes de rematar de ler o xornal: coma outros milleiros de irlandeses, Margaret non ten nin unha idea aproximada de que vai o tratado (ninguén se preocupou en explicarllo á poboación – sería por algo), nin o que significa para o país nin as consecuencias que terá nas vidas diarias dos cidadáns.

E mentres que a campaña do NON se molestou en mandar unha mensaxe sinxela ao electorado: ‘se non sabes, vota non’; a campaña do SI (con todos os partidos políticos detrás, menos o Sinn Fein) perdeuse nunha batalla sen argumento conciso, tentando pórlle etiquetas aos cidadáns: os Pro-Europeos contra os Anti-Europeos – nun exercicio obsceno de maniqueísmo político sen substancia algunha.

Mira que ben nos ten ido en Europa, Europa agora conta con nós, vota SI (veña oh!) – foi a mensaxe do status quo, confiado na vitoria. Pero os irlandeses non o tiñan nada claro e a ninguén lle gusta que lle manden o que un ten que facer – sen dar un motivo convincente. Así o demostraron o 53,4% dos electores que se animaron a votar – NON a Lisboa (que non a Europa).

"Se votamos non, non perdemos poder, seguiremos a ser parte de Europa, pero non perderemos o noso comisario", explica Margaret, que tres páxinas máis tarde parece totalmente decidida polo non. "O tratado recorta o noso poder e a nosa voz en Europa. Votar non e un voto pola democracia".

Sorpresa e decepción no goberno e na maioría dos partidos políticos; sorpresa e alegría no Sinn Fein e Libertas (o grupo creado especificamente para promover o "non"). E agora, cal é o plan? Os representantes do goberno declaraban estupefactos que simplemente non o saben- tan seguros estaban da súa vitoria. O plan? Borrón e conta nova.


4,8/5 (5 votos)


Comentarios (6)

aconjuradosnescios #1 15/Xuño/2008 aconjuradosnescios
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Parabéns à Maria Golpe pelo artigo. Deixa mais perguntas do que respostas, mas é assim que vai a realidade. Parabéns de novo

Jatopardo #2 16/Xuño/2008 Jatopardo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O Plan é moi sinxelo, non preguntar á cidadanía, non sexa que diga que non aos plans dos dirixentes europeos.

Na fallida Constitución Europea Francia e Holanda dixeron que non, ¿solución? nen Francia nen Holanda preguntaron ao pobo que opinaban deste Tratado de Lisboa.

De 27 países de UE só Irlanda preguntou por este tratado, e ¡bingo!, dixeron que non.

A solución e ben sinxela, non preguntar e seguir adiante con esta Europa na que a cidadanía pintamos ben pouco.

Bernardo #3 16/Xuño/2008 Bernardo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Que maravilha conhecer a Irlanda por dentro, vista por uns olhos galegos atentos ao que se passa ali, aquí e na Europa toda.

Maiakovsky #4 16/Xuño/2008 Maiakovsky
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Que cal é o plan agora? Que NON SE ENTERAN, señores ricachóns e burócratas da UE, que moitos cidadáns NON TRAGAN, e que non nos van dar colado pola 'porta traseira' e sen convocatorias a escasamente disimulada 'revisión' da Constitución Europea! Que os temos calados! Vostedes, que venden agora como 'liberdade' a xornada laboral de 62 horas (que lles había que conceder a 'liberdade' da facer a vostedes, señoritos plumillas, a poder ser nunha miña e con pico e pala).

maruxo40 #5 16/Xuño/2008 maruxo40
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Só con ánimo de polemizar mais, Cal é agora o plan dos do "non"?

Carbalho #6 16/Xuño/2008 Carbalho
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

#5 O plan dos do non? Os do non non teñen plan, porque ninguén lles pediu opinión, ou si? O non é un aviso, unha chamada de atención. A "construción" europea vai avanzar igual a pesar do que diga a cidadanía, e xa tivemos o exemplo canda os "non" de Francia e Holanda. E, por suposto, iso tamén o sabían en Irlanda cando foron votar o día 12.

No entanto, o plan dos do non tería algunhas cousiñas que si gustaría recoller, a saber: unha Europa na que non nos queira facer traballar 65 horas, unha hora na que unha "constitución" (aínda que sexa encuberta) sexa consultada á cidadanía, uns referendos que non sexan de mentira como o que houbo por acó fai un par de anos cos famosetes (que saberán eles?, Cruyff, Butragueño...) pedindo o si dunha forma totalmente acrítica fuxindo dos debates sobre o contido e incumprindo a lei (o goberno, en teoría, non pode orientar o sentido do voto nunhas votacións, só animar a votar; corresponde aos partidos políticos pedir o voto, pero xa lembramos, xa, como foi o conto), unha Europa que profese de forma activa o pacifismo...

En fin, os non son variados, pero en todo caso o que debería comportar este non é unha parada para dialogar desde diferentes puntos de vista o camiño a seguir, e fuxir dos debates endogámicos da capital europea, onde practicamente falan sempre os mesmos para dicirse o que xa saben, o bós que son e o equivocados que están os irlandeses.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete