Que fai hoxe unha muller dedicada á teoloxía?
Ante este tipo de preguntas eu vexo un certo descoñecemento, porque a teoloxía feita dende a perspectiva da muller é vella. É un camiño moi longo, descoñecido e ignorado, mesmo nos ambientes eclesiais cunha perspectiva liberadora. Hai xa unha importante tradición de mulleres teólogas cunha longa traxectoria teórica, de pensar a fe, de vivir a fe, da espiritualidade e a nivel pastoral. Se teño unha cousa clara é que non se pode facer teoloxía á marxe da vida, hai que evitar que a teoloxía se convirta nunha especie de artigo de luxo, que estea afastada da realidade, que non escoite os clamores da nosa sociedade, entre os que está a exclusión das mulleres. E dende a nosa fe temos que buscar a palabra de Deus.
Aquí en Galicia comezariamos cun: e ti de quen vés sendo?
Son dominicana e dominica.Veño dunha familia relixiosa, era catequista, comprometinme moi pronto, mais tamén estaba metida nas frontes estudantís, que eran verdadeiras frontes de loita. Os mesmos profesores animábante a render ben intelectualmente, mais tamén a estar metida nas loitas da xente, como a loita pola auga que viviamos na miña zona. Na miña parroquia a xente ten moi integrado o da fe e o da vida, a dimensión sociopolítica do Evanxeo, e a mística, a espiritualidade.
Tiven un profesor de matemáticas, non crente, que ás veces dedicaba cinco minutos para a concientización. Impactoume moito un día en que nos dixo: “permítanme hoxe cinco minutos, hoxe para falar de Leonardo Boff e da teoloxía da liberación”.
E dominica?
Si, chegado un momento tiña claro que quería ser relixiosa misioneira, e cheguei ás dominicas, que coma todas as congregacións teñen de todo, mais que posúe unha liña clara, que xurdiu para o traballo de promoción da muller, nunha perspectiva liberadora.
Unha teóloga pegada á realidade, xa que parte do teu ministerio pastoral foi unha comunidade de inserción nun barrio marxinal da periferia de Guatemala
Si, mesmo cando cheguei a Guatemala eu andaba estudando filosofía e alí foi onde comecei por estes derroteiros da teoloxía. No meu proceso vital funme atopando con xente que me axudou moitísimo no camiño, e fómonos acompañando, enfrontando os desafíos que se presentan dende a realidade, traballando unidos dende as comunidades de base.
Onde situaríamos a teoloxía do ecofeminismo?
O ecofeminismo xorde coma unha corrente da teoloxía da liberación. Esta corrente, poderiamos dicir, é outro xeito de facer teoloxía para que outro mundo sexa posible. O ecofeminismo xorde da influencia de dous dos movementos máis importantes da nosa época: o movemento feminista e o movemento ecolóxico. É unha resposta ante o berro das mulleres e o berro da Terra. Existen na actualidade unhas realidades incuestionables: o fenómeno da feminización da pobreza, a sobreexplotación da terra, a mercantilización da sexualidade feminina. Cómpre introducir unha perspectiva ecolóxica e feminista na análise da realidade.
Como corrente da teoloxía da liberación, vemos que tamén xorde moi pegada á realidade.
Por suposto. Xorde tamén coma contraposición a este modelo de desenvolvemento dominante que se nos impón, un crecemento baseado no lucro e que atenta contra a diversidade biolóxica e cultural. É unha crítica á apropiación xerárquica patriarcal, masculina dos bens. Tanto da natureza coma das mulleres, que son consideradas como obxecto. A ONU fala de que o tráfico de mulleres é unha das novas formas de escravitude do século XXI. Como di Yvonne Gebara, a xustiza social debe implicar a ecoxustiza. E na opción polos pobres ten un posto fundamental unha opción polas mulleres máis pobres. Ademais, cómpre promover unhas novas relacións entre os homes e mulleres.
EFETA, ESCOLA FEMINISTA DE TEOLOXÍA
Es profesora en EFETA, unha experiencia novidosa no panorama español?
É unha escola feminista de teoloxía. Maioritariamente está formada por mulleres, pero tamén hai homes, entre os profesores e os alumnos.
Como nace e que achega ao noso panorama eclesial?
Existindo moitas mulleres crentes, moi comprometidas seriamente dentro da Igrexa nos distintos traballos de pastoral, metidas en temas teolóxicos, non existía un espazo para pensar e expresarse dunha maneira distinta. EFETA non é máis que a resposta a estas necesidades. Pretende ser un proxecto formativo teolóxico non sexista, que poña en relación a teoloxía coa realidade do mundo plural no que vivimos.
Cal é o seu funcionamento?
Existe unha Asociación, de mesmo nome cá Escola, que lle ofrece o marco legal. A Asociación, ao mesmo tempo, garante a calidade da docencia e organiza todas as actividades e cursos necesarios para ofertar unha formación teolóxica feminista sistemática e de calidade.
Que cursos oferta?
Existe unha páxina web, www.efeta.org, que presenta toda a información sobre a Escola e sobre a Asociación EFETA, e dende onde se pode acceder aos cursos existentes e á súa inscrición. Como xa comentei anteriormente, é unha formación aberta a todo o mundo.