Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ALFREDO IGLESIAS E ALEX REGUEIRO, MATRIMONIO

"Algúns colectivos de gais só buscan a diferenciación e o gueto"

Alfredo Iglesias e Alex Regueiro cren que se avanzou no respecto aos homosexuais, mais lamentan a actitude de moitos colectivos gais.

Isabel G.Couso - 09:00 08/07/2008

Hai xa tres anos que as parellas do mesmo sexo poden contraer matrimonio. Porén, Galiza segue á cola neste tipo de celebracións. Só setenta parellas pasaron polo xulgado ou o concello para legalizar a súa situación.

A piques de cumprir o primeiro aniversario da súa voda, Alfredo Iglesias e Álex Regueiro felicítanse de que a situación de discriminación cara aos homosexuais vaia mudando pouco a pouco. Subliñan, porén, que Galiza segue a ser debedora do seu pasado máis recente e aínda abunda a hipocrisía. Aos colectivos de gais, como o de Santiago, pídenlle que non afonden na separación e a diferenciación e que promovan proxectos de verdadeira necesidade para os homosexuais.

Vieiros: Vai facer un ano do seu casamento, por qué tomaron esta decisión?
Iglesias e Regueiro: non é máis que a resposta normal de calquera persoa que establecer un vínculo legal coa persoa que ama. Demos o paso porque era o que nos apetecía realmente, comprometernos diante da nosa familia e dos nosos amigos.

Animounos tamén as vantaxes legais que iso supón fronte a alternativas como a de parella de feito?
Nun principio si. Despois encontrámonos con que tampouco era tan beneficioso en temas como por exemplo o da adopción. Unha parella casada gai non ten os mesmos dereitos que unha parella heterosexual xa que a nivel internacional non podes adoptar. Pero igualmente si que nos apetecía ter do noso lado a lei, xa que está tanto para protexerte como para pedir e dar tamén.

Ademais da cuestión da adopción internacional, que outras cuestións legais consideran que aínda están por facer?
Máis que legais, son cuestións prácticas. Todos os días tes que dar pasos máis longos do que che gustaría. Tes que estar pendente de como vai a reaccionar alguén do teu entorno, tanto laboral como social, ante unha palabra, un mimo ou un xesto. Iso é o máis pesado. Xa a nivel legal é máis sinxelo, porque dende o momento no que existe a lei, a protección é igual para todos. Neste aspecto sentímonos moi protexidos, a nivel social xa é diferente.

Cren que a aprobación da lei fixo que se normalizase dalgún xeito a existencia de parellas homosexuais?
Houbo avances forzados. A xente por educación quere aparentar e ás veces levas moitas sorpresas. Hai persoas que che dan unha palmada polas costas, que semella apoiarte, e ao final, cando saes pola porta escoitas "mira que mar de maricóns". E aínda así, outras persoas que non che din nada ou que puideras pensar que por certa filiación política teñen unha determinada idea, pois apóiante e estante mirando como persoa.

Até o de agora estanos sorprendendo positivamente máis o colectivo heterosexual que o gai, sobre todo en Galiza. Fóra é máis fácil atopar unha comprensión que non atopamos a nivel galego. Tamén temos que dicir que moitos colegas nosos gais falláronnos dende o momento que votaron o Partido Popular. Non queremos dicir que sexa mellor partido ou non, pero dende o momento que nós estabamos loitando por casar, formar unha familia ou adoptar e ese partido de dereitas non o apoia, a nós falláronnos porque a partir dese momento estaban secundando esas propostas.

Que opinan dos colectivos que representan aos gais?
Nós somos persoas coñecidas na cidade de Santiago, pois aínda estamos agardando que alguén do colectivo nos felicite. Ninguén se dirixiu a nós para nos dar a noraboa ou para pedirnos colaboración para dar unhas charlas, ou para animar a outras persoas que se poidan atopar na nosa situación... Iso non é un colectivo que defenda aos homosexuais, iso é como unhas amas de casa ou un club de pesca que se adica a facer uns actos festivos.

Nos últimos anos, dende que a lei é lei, os actos reivindicativos pouco mudaron: ciclos de cine, concienciación, unha marcha con bandeiras, un concerto na Quintana pola noite... se iso é todo o que podemos facer como colectivo orgulloso, pois é mellor adicarse á calceta. A maneira de integrarse na sociedade non pode ser esa, porque entón o único que estamos facendo é un espectáculo mediático no que os medios de comunicación só prestan atención nas marchas do orgullo ás plumas ou os tangas. A representatividade de colectivos coma ese é moi escasa, o que fai falta é un compromiso social, político, de concellos e de institucións para botar a andar proxectos serios.

Cales son eses proxectos serios que botan en falta?
Pois por exemplo, que un colectivo tivese un gabinete psicolóxico, outro pedagóxico, que lle explique á familia (pais, avós, irmáns...) cal é a realidade, que ser gai non é unha enfermidade ou un vicio. Ten que haber un gabinete de avogados, que estea especializado nesta temática. Queremos proxectos serios de integración, dende as escolas. As novas xeracións precisan ter modelos que lles indiquen que non están a obrar mal, que non están a cometer un pecado. Hai que tomar iniciativas pedagóxicas para que a sociedade nos acepte como somos.

Hai moitos homosexuais que non saen adiante porque non saben que facer e hoxendía, onde preguntan? quen conciencia? Fai falta madurar proxectos, ofrecerlle algo á sociedade, non só podemos estar pedindo constantemente.


4,64/5 (22 votos)

Comentarios (9)

bcngz #1 8/Xullo/2008 bcngz
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Alex es un crack! Os meus parabéns porque xente que coma ti falta nesta Galicia atrasada, hipócrita que vive na inopia (moitos deles nacionalistas seudoprogres).

Eu marchei de alí e nunca me arrepentirei... Hai actitudes propias da Idade Media nunha terra que para modernizarse non precisa só de infraestruturas, senón que tamén dun cambio de mentalidade.

molondron #2 8/Xullo/2008 molondron
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Canto me soan estas historias!!. Tamén eu marchei para poder desenvolver a miña personalidade con "normalidade". En Tenerife, de feito, atopei a miña parella hai catro anos e nesas estamos...
Os cambios máis custosos son, sen dúbida, os de mentalidade e o respeto ao outro, sexa cal for a súa condición sexual, lingüística, cor de pel, relixión, etc.
PARABÉNS E MOITOS ÁNIMOS!!!!!!!!!!!

OBSERVADOR #3 8/Xullo/2008 OBSERVADOR
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Uma pergunta para Bcngz e Molondron: e as vossas vidas agora são mais felizes? Não vos pesa estar fora?

roibran #4 9/Xullo/2008 roibran
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

BCNGZ así son as xentiñas da nosa terra. E unha terra conservadora e moi inculta. Esa é a realidade. Por certo eu non son homosexual, carallo....uuuuuuuuiii vaia pirula na que estoume a meter.........

almacigacompostela #5 9/Xullo/2008 almacigacompostela
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

"Iso non é un colectivo que defenda aos homosexuais, iso é como unhas amas de casa ou un club de pesca que se adica a facer uns actos festivos"

Fostes algunha vez a alguna reunión do CGC? Téñenvos que chamar do CGC para que vaiades ás reunión semanais?

As mudanzas (necesarias, niso concordo) propóñense nas reunións e en asembleas. Por outro lado, penso que cualificardes o CGC de "asociación de amas de casa" ou "club de pesca" é, simplemente, non terdes nin idea.

malagra #6 9/Xullo/2008 malagra
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

isto último está moi ben dito!!


e si queremos a normalidade nas nosas vidas, deberiamos empezar por non esperar a felicitación de ningún colectivo nas nosas bodas

AlvaroB #7 9/Xullo/2008 AlvaroB
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Gostaria que algúns me aclarassem cómo se podem fazer gabinetes psicológicos, pedagógicos, etc. quando a militância se pode contar com os dedos dumha mao. Criticam-se os colectivos, mas nom se tenta entrar neles para propôr nada novo.
Os que já vamos velhos e estivemos nalgúns desses colectivos que tanto criticam quando os tempos eram máis duros do que agora,e nos que só quatro "pringaos" dava-mos a cara, estamos cansos de que agora venha certa gente a "pontificar". A maioria dos homossexuais passavam de nós como da merda, nom aportavam idéias nengumhas e ainda assím criticavam todo o criticável.
Estes dous senhores vam financiar todo isso que propôem?, Criticar é gratis e doado, mas gostaria de saber onde é que estavam estes e outros há apenas dez ou doze anos.
Por outra banda, quê têm de mau as estratégias identitárias que estes semelham criticar?, Cómo denuncias umha situaçom de discriminaçom se nom usas essas estratégias?, por quê nom pode haver guetos vontários se todo o mundo precisa ás veces de juntar-se com outra gente com a que compartilhe qualquer interesse?.
Saberám estes homes se o CGC tém sócios e infraestrutura para fazer isso que dizem?, se cadra nunca estiveram em nengum colectivo e pensam que todos movem miles e miles de euros.

sophia #8 10/Xullo/2008 sophia
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Parabéns a este matrimonio pola súa valentía pois non todo o mundo da a cara dese xeito. É certo que este é un país atrasado e inculto, pero penso que a solución non é fuxir, senon tentar cambiar algo dende aquí, na miña modesta opinión.

bcngz #9 14/Xullo/2008 bcngz
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

OBSERVADOR: a miña vida é máis feliz e cada vez que volvo á Galicia decátome de que non me equivoquei.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: