"O discurso de regresión no recoñecemento da diversidade lingüística do Estado non tén futuro, pois parte dunha perspectiva negativa, fóra da realidade", expresou Marisol López.
Trátase dunha mostra que permite achegarse de forma "activa, experimental e sensitiva" á historia da lingua e á vitalidade do galego na actualidade. Pódese visitar en sete idiomas (galego, castelán, éuscaro, catalán, inglés, francés e neerlandés-flamengo). Outras 25 linguas están presentes na mostra a través de diversos elementos, e conta con sistemas alternativos para persoas con discapacidade sensorial visual e auditiva.
"As nosas palabras, os nosos mundos" é o módulo que lle dá título, unha idea para poñer en valor a diversidade lingüística do planeta, "o valor do plurilingüismo, a riqueza da multiculturalidade". Segundo os seus promotores, a secretaría Xeral de Política Lingüística, "unha aposta pola sustentabilidade lingüística, a través dun xogo de escoita que permite coñecer o son de múltiples linguas de orixe diversa".
Segundo explicou Anxo M.Lorenzo, coordenador da exposición, a mostra conta con tres módulos máis. O primeiro, "As orixes", introduce o visitante no "misterio" do nacemento da linguaxe, coas primeiras novas sobre a súa orixe (petróglifos, pinturas rupestres...). A través de coreografías de sons, luces, sombras e transparencias descóbrense as diferentes formas da comunicación humana, desembocando na "Árbore das linguas", cun tronco do que as 20 pólas que representan as familias lingüísticas do mundo.
No módulo denominado “Isto é galego” prodúcese a descuberta dos datos básicos da lingua galega. Trátase dunha viaxe suxestiva pola historia do galego desde a Idade Media até os nosos días, a través de personaxes e acontecementos sociais, culturais e políticos significativos. "A nosa lingua na nosa vida" é unha ollada ao galego como lingua de creación nunha sociedade produtiva. "As linguas son patrimonio de todos, non son armas para pecharnos en nós mesmos, senón cultura construída desde a palabra", reflexionou a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, durante a presentación da mostra.
Estará instalada en San Martiño Pinario do 16 ao 28 de xullo e permanecerá aberta todos os días, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas. A continuación, percorrerá outras seis cidades galegas: Vilagarcía, Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense. Ademais, instalarase en Madrid, Barcelona, Bilbao e Sevilla, e visitará tamén Bos Aires e Bruxelas.