Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
XOSÉ REIGOSA, A RÍA NON SE VENDE

"Cunha contestación tan xeneralizada o Plan Íntegra debería retirarse inmediatamente"

25 colectivos de Vigo e da súa área de influencia denuncian os danos irreversíbeis que causará este proxecto con máis de seis mil alegacións.

Redacción - 19:30 16/09/2008

O plan viario Vigo Íntegra prevé unha inversión de preto de 2 mil millóns de euros destinados á mellora de infraestruturas de comunicación desta cidade e máis a súa área de influencia, a través de 70 actuacións sobre 350 quilómetros de vías. Porén, dende a súa presentación no mes de abril, este proxecto non fai máis que sumar colectivos na súa contra. A proba son as máis de seis mil alegacións que presentaron entidades veciñais. Pero ademais, organizacións ecoloxistas, na defensa do patrimonio e mesmo gobernos municipais xa se manifestaron na súa contra.

Uns 25 colectivos da zona veñen de protagonizar un acto simbólico en Vigo, ao entregaren as súas últimas alegacións (o prazo remata o mércores) no edificio administrativo da Xunta na cidade olívica. Foron A Ría non se Vende (que aglutina a 14 organizacións), xunto con colectivos como Afectados Rolda Vigo – Lavadores, Alternativa Veciñal, Sárdoma en Loita, Club Espeleolóxico Maúxo, Colectivo Nacionalista de Marín, Xogo Descuberto e as plataformas Plan de Seguridade Viaira PO – 325, Pola Defensa de Mos, Priegue Unido e Gondomar Vive. Denuncian os danos irreversíbeis que producirá o plan tanto no eido arqueolóxico, como histórico ou natural.

Neste sentido, Xosé Reigosa, voceiro de A Ría non se Vende, fai fincapé na división que este proxecto terá sobre diferentes concellos afectados: "a fragmentación do territorio que se deriva do plan é terríbel e reflíctese na división de municipios e parroquias, que quedan literalmente divididas en dous". Así sucede por exemplo en Nigrán, Mos ou Gondomar, onde tamén os gobernos municipais presentaron alegacións. Ademais, en moitos casos prevese a expropiacións de vivendas e afeccións importantes a castros ou petroglifos, entre outros vestixios arqueolóxicos.

Ademais, dende A Ría non se Vende denuncian que esta iniciativa que contempla a creación de 220 quilómetros de autovía no entorno de Vigo, "non contempla nin unha mínima referencia ao transporte público, tal e como obrigaría a normativa europea". Segundo aseguran "está unicamente baseada no asfalto e nun modelo caduco onde se lle dá prioridade ao transporte en vehículo privado sobre o público".

"Todos somos afectados"
Reigosa asegura que os afectados son todos os veciños da zona, que se verán prexudicados dunha ou doutra forma. Dende finais de agosto os diferentes colectivos manteñen o contacto para traballaren conxuntamente contra o Vigo Íntegra, até o de agora na elaboración de alegacións. No futuro organizarán unha gran mobilización en Vigo, da que aínda falta por concretar a data. A pasada fin de semana, xa deron un adianto os veciños de Gondomar: máis de tres mil persoas marcharon baixo a convocatoria de Gondomar Vive e ao grito de "Onde vivimos importa".

Mentres, veciños e asociacións agardan que a Xunta e maila Consellería de Política Territorial reflexionen sobre esta iniciativa e a retiren: "nun país minimamente democrático e cunha contestación social tan importante, só nos cabería agardar a retirada do plan", di Reigosa ao tempo que matiza "haberá que agardar para saber cales son os verdadeiros intereses que primarán nesta cuestión, se os sociais ou os económicos".


Ligazóns

4,77/5 (13 votos)


Comentarios (3)

valminor #1 17/Setembro/2008 valminor
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A Asociación de Veciños Dunas de Nigrán tamén apoiou o manifesto e presentou preto de 500 alegacións.

Tarelo #2 17/Setembro/2008 Tarelo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Claro, dous mil millóns en infraestructuras que non van a ningures, que benefician a uns poucos (aos de sempre), etc. e mentres os colexíos e institutos sen mestres, os hospitais con lista de espera, sen médicos nin persoal, os xulgados saturados de espedientes sen resolver e outros novos sen crear, as familias rotas sen centros de encontro, os indixentes sen un teito, os toxicómanos na rúa, a polícia dando malleiras os sectores productivos, agricultores, gandeiros, traballadores do metal, bateeiros, etc., ó sector servizos (transportistas) e a todos que discrepan das dúas versións únicas e oficiais, etc. acribillannos a inpostos que non para de subir (gasoleo, tabaco, etc.) España Vai Ben. Pero para quen? Para as multinacionais construtoras (con ramificacións noutros sectores e tras as que se agocha sempre algún banco) e para a clase política que lle serbe o negocio en bandexa de ouro (2.000 millóns no Vigo Íntegra, o ouro e o mouro no AVE, etc.), Viva Aspaña!, Coño!

sober #3 18/Setembro/2008 sober
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Son un veciño de Nigran, e estou altamente preocupado polo desastre ecolóxico, sen sentido, que se pretende facer co tramo viario que Vigo Integra previu para este concello. É arripiante o que algúns compoñentes doutras AdeV.V., do mesmo concello, non se decaten de tamaña tropelía. No noso concello o problema non está en desprazarnos (máis ou menos comodamente) "inter nos", o problema xurde nos limítes , tanto para Vigo como para Baiona, por iso e en aras a mellorar a comunicación por fora do concello, exiximos e reclamamos o uxase das infraestruturas existentes, certamente infrautilizadas, como é a G-57. Así de simple, dar entrada e saída desta autoestrada para a comunicación entre os municipios pertos, e escudir un dano irreparable, como se pretende coa autovía, cuxo único interese é favorecer a Zona Franca (inicio no polígono de Valladares e termo no Polígono Porte do Molle).
Beneficia isto a Nigran?, non , só aos especuladores, a Zona Franca, e aos lelos que aínda cren que este polígono industrial traeralles postos de traballo.
Xa Nigran sufriu un aldraxe ecolóxico, coa construción da G-57,que agora xa é irreparable. Aproveitemos entón esta infraestructura xa existente, e non transformemos Nigran nun Mos.
O meu total repudio o Plan Vigo Integra, ao que o Val Miñor concerne.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete