Con algo de retraso, colgamos o artigo que dá conta da XXXI Romaxe.
E que pasa se eramos 5.000?
“Non vos ensoberbiedes”, advertiunos un visitante moi especial que participou na celebración da XXXI Romaxe en Baltar. O autor da sección da revista que máis aposta pola capacidade creativa, e por tanto esperanzada, do ser humano (Rumores de esperanza) protagonizou dous momentos da Romaxe que usarei para facer esta crónica.
O primeiro foi un aviso a todos para gardarnos da tentación, na que nunca estamos exentos de caer, de querer sentirnos sempre coa razón da nosa parte, por máis que loubemos a humildade (ás veces, de tanto referirnos a ela, transformámola noutra forma de soberbia). Pero iso é unha cousa, e outra moi distinta é o orgullo do traballo ben feito, nunha romaxe tan ben preparada e exitosa como a do pasado día 14. Parabéns aos que traballastes teimudamente nela. Desde o lado dos participantes, convertidos ás veces en espectadores, é unha enorme sorte participar na Romaxe, despois das miles de horas que adican tantas persoas durante o ano e que nos liquidamos en 7. Moi traballadas 7 horas anuais que tanto ben fan.
A Romaxe dos romeiros
Este ano en vez de crónica da romaxe, pensaba facer crónica dos romeiros, pois son eles, sodes vós (nós), os que facemos posible esta miragre doce e amarga que é a Romaxe. Porque a Romaxe non está exenta da amargura dos tramoístas, que detrás das bambolinas traballan arreo para que cada ano sexa un éxito. E falo desde a miña posición de espectador, que non axudei case nunca a organizar romaxe ningunha. Formo parte dos que veñen gozar do traballo dos outros e, unha vez terminada a Romaxe, opinan sobre o que lles pareceu a celebración, se foi longa ou curta, se o lema era máis ou menos acaído, se hai que facerlle máis ou menos caso ás presións que os bispos fan aos curas que gustan da Romaxe,… Formo parte dos que botará de menos a Romaxe cando os que a levan sobre o seu lombo farten de tan pesada carga e ergan a voz dicindo: o releeeeevo! Coñezo miles de expresións liberadoras que duran un suspiro. O que non dura é por algo, e se a Romaxe leva viva 31 anos, algo terá. Se cadra é que pasa de nós, os que sempre temos algo que comentar, e céntrase fundamentalmente no que nos une: unha reunión especial que amén de festeira, ten retranca e ideas para contrastar. Ao mellor por iso é tan variada e creativa no fondo.
Benfeita Romaxe que nos devolve ao centro da eucaristía, festivo encontro co reparto: reparto da comida, do baile e das palabras, reparto dos runrúns e cotilleos das vidas dos cercanos, reparto dos esforzos de quen pare a palabra escrita en libros e revistas, ou quen vende produtos xustamente producidos. A Romaxe é un grande reparto porque é un grande encontro de moitos dos que co paso do anos compartimos maneiras semellantes de ver a vida. Que lugar tan especial que reúne a labregos veteranos, hippies maiorcetes, curas esperanzados, mocidade ilusionada, …; xente tan diferente que se me advirten previamente que se van xuntar, non mo creo.
E ao sentar Xesús na Romaxe…, caeu
Durante a celebración produciuse o segundo momento do que boto man para esta crónica, e que constituiu unha perfecta recreación da formación da nosa Igrexa, elixida polo mesmo que sentou na romaxe. Quen facía o papel de Xesús levouse un castañazo ao sentar, a cadeira escollida era ben pouquiña cousa. Aínda sendo un accidente, é unha perfecta metáfora da Igrexa escollida. Por algo é humana, como a Romaxe, como Irimia, coma a Igrexa e coma os bispos que pinchados por aves ociosas, non teñen mellor que facer que mandar misivas aos curas romaxeiros lembrándolles o seu maxisterio.
Somos cadeiras defectuosas nas que veu sentar un que todo o quería mudar. Pero cadeiras, a fin de contas. Cadeiras fermosas, amplas unhas, outras esbeltas, cadeiras que serven para que outros pousen as súas cadeiras. Cadeiras dos que uns caen e nas que outros se empoleiran. Cadeiras que ás veces se nos acaban. Mais, coa sorte que temos a cotío os irimegos, ao remataren as cadeiras aínda queda campo onde sentar e comer, rentes do chan, insigne altura da que todo parte, ben sexa para arriba ou para abaixo, unhas veces de forma visible outras invisible. Irimia é unha cadeira de cadeiras: tan boa como a mellor e tan imperfecta como a máis ruín: xa que logo, humana. Por iso, a vitalidade que sempre amosou Irimia é algo difícil de entender. Pois construtora como ela, non houbo moitas. Se se xuntasen tódalas iniciativas que acolleu e axudou a parir Irimia, non cabían en moitos números da revista nin en moitos lugares da Romaxe. Irimia, como mai ben criada, acolle gustosa a semente, axúdaa a medrar, dálle de mamar, críaa e logo deixa marchar sen pretender posuír nada do que dela sae. Por certo, que fillos tan diferentes che saíron, Irimia!, serán do mesmo pai? Por iso Irimia non casa con ninguén. Como nos gustaría que pensase as nosas propias ideas, que pronunciase as palabras que nós queremos…
Baltar 2008. Aguiño 2009
Fermoso lugar o de Baltar que se vai. Benvido Aguiño, xa arrecende a mar. Benvido, segundo sábado de setembro. Teimudo e doente irimego que sempre di que este vai ser o último ano, que todo esmorece e non sei que máis tonterías. Cando sexa o último ano, será, non rosmes máis, e mentres isto non remata seguirei indo a Romaxe (e se cadra fago algo para organizar algunha).