O Concello pechou a captación, e o abastecemento só estaba onte garantido para seis horas
Unha vertedura de terra e lodo ao río Umia procedente dunhas obras da zona da Estrada obrigou onte, sobre as nove da noite, ao Concello de Cuntis a cortar a subministración de auga. Fontes municipais alertaron do suceso ao servizo de urxencias de Galicia 112 e mobilizaron á empresa concesionaria, Espiña e Delfín.
Ao parecer, a vertedura procede dunhas obras que se executan en Arca (A Estrada). Segundo o Concello de Cuntis, os traballos corresponden a unha concentración parcelaria, aínda que outras fontes consultadas apuntaron a que a terra e o lodo que acabaron na canle, debido ás intensas choivas caídas de madrugada, poderían provir da construción dun parque eólico. Un portavoz da empresa Gamesa indicou onte que esas obras aínda non se iniciaron.
Cuntis toma auga do río Umia á altura do azud da minicentral de Sebil. Sobre as nove da noite cortouse a captación que vai á depuradora para evitar a contaminación da auga que había no depósito. O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Campos, explicou que a auga do río baixaba «negra», «de cor chocolate», e non reunía a calidade mínima para o seu tratamento e posterior consumo. «Agora xa non entra auga na planta e temos só para seis horas. Aínda que non cortemos a subministración aos fogares, non vai haber líquido cando se acabe», remachou desde Sebil.
As obras que provocaron a vertedura ao Umia acométense nunhas pistas próximas á canle. Ata a captación de Sebil desprazouse, ademais do edil, un policía local. O Concello tamén avisou a Augas de Galicia e ao delegado provincial de Medio Ambiente, Juan Francisco Froján.
«O problema é grave e non só vai afectar a Cuntis, xa que compartimos a subministración de auga con Moraña», subliñou Manuel Campos. O municipio ten pouco máis de 5.000 habitantes, aínda que só algo máis de mil residen no centro urbano. Pola súa banda, Moraña conta con pouco máis de 4.000 habitantes.