Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
100 anos do nacemento de Benigno Andrade

"Ímola separar dos seus fillos. Vai acabar todo mal"

Cando executaron 'O Foucellas', á súa filla e ao seu fillo xa lles roubaran moito antes a infancia. Con só seis e nove anos perderon a nai, morta de saudade no desterro de Valladolid. Falamos con ela, a Pepiña. Vexa o vídeo no interior.

Fernando Arrizado / Vídeo e fotografía: Isabel G. Couso - 13:30 25/10/2008
A María, muller do 'Foucellas' e nai da Pepiña e do Serxio / Foto: CRMH da Coruña

A María, muller do 'Foucellas' e nai da Pepiña e do Serxio / Foto: CRMH da Coruña

Non por imprevista, foi inesperada. A detención do Foucellas o 9 de marzo de 1952 colleu a súa filla a Pepiña, de 16 anos, traballando no Café Moderno de Curtis. Aínda que ao principio a xente tratou de ocultarllo, hai sucesos de tal alcance -histórico, ao cabo- que non tardan máis ca unhas horas en chegaren aos ouvidos de todo un pobo. Finalmente colleran o máis famoso dos guerrilleiros do país, un dos últimos militares leais ao goberno democrático de 1936 que aínda non caeran nas gadoupas do réxime golpista.

A dor de velo no cárcere de Betanzos coa perna escangallada polas balas, de suplicar xustiza na Coruña para un pai que xa sen xuízo estaba condenado á morte, esa dor foi grande; mais nin nova nin maior cá padecida dende o mesmo momento en que Benigno Andrade García se botara ao monte 16 anos atrás, con visitas da Garda Civil á súa casa natal en Curtis, noite si, noite tamén. "Ímola separar dos seus fillos. Vai acabar todo mal", agoirábanlle á nai, María Pérez Mellid, que permaneceu sempre fiel ao seu marido.

Non é Serxio, o segundo dos fillos do Foucellas, tres anos máis novo cá súa irmá, quen nolo conta. Hai cousas que nin sesenta anos despois un gusta de recordar e moito menos, de falar. É a propia Pepiña, que 32 anos despois de marchar volve á Galiza para conmemorar o centenario do nacemento do seu pai. E rememorar, tamén, o sufrimento de dous cativos condenados en vida polas ideas da María e do Benigno.

Pepiña, Serxio e as súas parellas sentimentais, acompañados por membros da Comisión pola Memoria Histórica, atenderon aos medios de comunicación este venres no Campo da Rata, na Coruña. Con eles estaba Francisco Martínez, O Quico do Bierzo, un outro fuxido que conseguiu sobrevivir á represión e que agora loita porque o goberno español recoñeza a guerrilleiros coma el, soldados da República durante o franquismo, o dereito a cobrar a súa lexítima pensión.

"O trauma non se esquece co tempo, vai a máis", confesa unha Pepiña á que os fascistas non só lle arrebataron os pais, senón tamén parte esencial da súa identidade, a lingua nai. Nin vai á misa os domingos nin é practicante. No entanto, as súas crenzas relixiosas -que non oculta- permítenlle aos seus 72 anos falar por riba de trincheiras: "Hai xente de dereitas boa, e xente de esquerdas mala; o que importa é a persoa. Ao meu pai axudoulle moita xente do Exército e da Garda Civil que non estaba de acordo co réxime".

Non esquece Pepiña, porén, os "burros instruídos" como di que lles chaman na Francia onde botou 12 anos da súa vida "aos que estudaron e non ven máis alá das súas orellas". "Enganaron moito a xente", ese pobo que creu e que dixo o que anos de escuridade e medo lle obrigaron a dicir e a crer, ben por medo ben por ignorancia.

Á nai de Serxio e Pepiña collérona con propaganda de camiño a Lugo. Detivérona e xulgárona polas leis arxentinas, xa que alá naceu e conservaba a dobre nacionalidade. Serviulle para salvar a vida, mais non para pasar 10 meses na cadea e que ao saír as autoridades franquistas a desterrasen a Valoria la Buena, na provincia española de Valladolid. Separada dos seus fillos, lonxe da súa terra, a María caeu enferma, "coa pena", asegura Amelia, a muller do Serxio.

Pepiña, logo de atender durante varias horas con paciencia a medios locais, nacionais, e a algún outro estatal preocupado porque na súa reportaxe todo o mundo fale español, sentencia cunha frase que non por vella perde vixencia: "O pobo que non lembra ou agocha o seu pasado volve cometer sempre os mesmos erros". Cómpre repetilo deica o infinito.


4,93/5 (29 votos)

Comentarios (18)

-Xavier #1 25/Outubro/2008 -Xavier
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

AVISO PARA A REDAÇÃO DE VIEIROS:

O vídeo que acompanha esta notícia tem problemas de áudio. A mulher fala e não se lhe ouve falar. Além disso, logo escuta-se uma música quando ela fala e não se lhe ouve nada. Também há alterações no volume do áudio: sobe e baixa. Espero que em breve sejam solucionados estes problemas.

Obrigado pola atenção.

Saúde e reflexão.

-Xavier #2 25/Outubro/2008 -Xavier
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Obrigado pola rápida solução aos problemas de áudio no vídeo que acompanha a notícia.

Tende uma ótima tarde.

OBSERVADOR #3 25/Outubro/2008 OBSERVADOR
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

O desterro, a prisão de fora.

Barcelos #4 25/Outubro/2008 Barcelos
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Eu non teño ningún problema para ver ou oír o vídeo. Supoño que é que xa o atopéi arranxado.

Iso si, escoito á señora falar en castelán, pero iso non é problema do vídeo, nin tampouco da filla de Foucellas. Mágoa que ao final a cortan cando estaba falando. Supoño que será por problemas de tempo da gravación.

Murxido #5 26/Outubro/2008 Murxido
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Outro erro maior eo que di que foucellas era "un dos últimos militares leais ao goberno democratico" e ben sabido por todos que Benigno nunca foi militarista, e rexeitoú todo tipo de xerarquias nin de gobernos nin de vangardas comunistas, e permaneceu independente e autonomo de toda autoridade ate o final dos seus dias.

semprecelta #6 26/Outubro/2008 semprecelta
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

#5 Murxido,

logo como é que estivo ao mando da IV e da V agrupación?
http://www.vieiros.com/nova/69...

Unha cousa é que o seu carácter fose anárquico -de feito militaba na CNT- e as súas ideas fosen por outro lado, outra é que non fose un "militar leal ao goberno democrático", como ben di Vieiros.

Dicir que non era militarista, que permaneceu independente e autónomo, como di vostede é caer no erro de dar a entender que era un "bandoleiro" (como lle din os fascistas), ademais de ser falso.

Lu_ #7 27/Outubro/2008 Lu_
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Penso que tanto Murxido como semprecelta teñen parte de razón. É certo que Foucellas non foi un militar ao uso, tal e como podemos identificalos hoxe. El non loitou na guerra, nin no bando republicano nin a prol dos alzados. Creo que a eso se refire Murxido cando di que se comete un erro ao calificar a Foucellas de "un dos últimos militares leais ao goberno democrático". Por outra parte, se aceptamos aos guerrilleiros como rescoldo do Exército republicano máis aló do fin da guerra, "Foucellas" e o continxente de homes que vagaron polos montes galegos, deberían ser considerados como tales e beneficiarse das pensións e outras vantaxes que tal condición lles reportaría.

Por outra parte, "Foucellas" non dirixiu a IV Agrupación, se non que ostentou responsabilidades nalgún dos destacamentos. Os xefes desta Agrupación foron, sucesivamente, "Marrofer", Ponte, "Moncho" e "Pancho".

semprecelta #8 27/Outubro/2008 semprecelta
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

#7

Erro meu. Foucellas formou parte da IV e dirixiu a V.

Por outra banda, insito no meu argumento do comentario #6. Murxido confúndese (e confunde á xente) no que di. Foucellas si que foi militarista, si que aceptou xerarquías (evidentemente, á súa maneira, que para iso era anarquista). Logo non formaba parte da columna que foi á Coruña dende Curtis despois do alzamento?

Cómpre recoñecer dunha vez por todas que eran Exército e non "bandidos". Se non o cremos nós, como carallo se van convencer os fascistas? Como carallo lles vai recoñecer o goberno unha pensión?

OBSERVADOR #9 27/Outubro/2008 OBSERVADOR
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Não, não, nada de bandoleiro. O bilhete de filiação a um partido não exime de ser bandoleiro, sabem? E a sua falta também não indica que o Foucelhas fosse bandoleiro nenhum.

Uma pessoa que luta pela sua liberdade não é um bandoleiro nunca.

Os vizinhos, porém, ajudavam no que podiam... porque deixaram de lutar. É muito fácil dar um pouco de caldo a quem passa todo o dia no monte, mas ir com ele para o monte ou fazer uma fortaleza na aldeia, ah, isso é que é mais difícil.

Bandoleiro por não aceitar hierarquias? Assim fala a alma do escravo.

semprecelta #10 27/Outubro/2008 semprecelta
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Concordo OBSERVADOR. O Foucellas loitou pola súa liberdade e a dos seus. E si que aceptou xerarquías, porque quixo e cando quixo, mais aceptounas no seu momento.

Lu_ #11 27/Outubro/2008 Lu_
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Hai moitas referencias, informes do PCE sen ir máis lonxe, na que se salienta a indisciplina constante de "Foucellas"....

semprecelta #12 27/Outubro/2008 semprecelta
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

#11
De feito Gayoso e Seoane preferían telo lonxe, e viceversa:

1947, xaneiro: O Foucellas reincorpórase á loita armada. As discrepancias con Gómez Gayoso e Seoane -que non gustan do seu carácter anárquico- fan que mude a súa zona de actuación.
http://www.vieiros.com/nova/69...

semprecelta #13 27/Outubro/2008 semprecelta
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Sábeo mellor ca ninguén Isabel Ríos Lazcano: 'Testimonio de la Guerra Civil' (Ediciós do Castro)

Lu_ #14 27/Outubro/2008 Lu_
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Son comprensibles as discrepancias entre ambos. Tanto Gayoso e Seoane teimaban coa estructura vertical e consideraban primordial manter, en tan agónica situación, unha férrea disciplina e cohesión nas accións a desenvolver. Foucellas era, basicamente, un problema para eles.

semprecelta #15 27/Outubro/2008 semprecelta
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Tampouco vaiamos cargar contra Gayoso e Seoane (do mellor do antifascismo en Galiza). Non esquezamos que mentres os executaban, Carrillo e a Pasionaria negociaban con Stalin a rendición da Resistencia guerrileira.

Lu_ #16 27/Outubro/2008 Lu_
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Ao contrario. Estou bastante máis próxima a Gayoso e Seoane, e a súa maneira de plantexar a loita, aínda que agora na distancia poida parecer utópica, que ao misticismo que rodea a "Foucellas". Calibro en función da súa contribución á guerrilla e, nese caso, Gayoso e Seoane son dúas pezas claves, ao igual que "Marrofer". Creo que entendeches exactamente o contrario do que quería dicir!

semprecelta #17 27/Outubro/2008 semprecelta
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Non, ho. Dicíao en xeral. Concordo moito contigo nos teus argumentos.

Lu_ #18 27/Outubro/2008 Lu_
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Jaja, vale, vale! :-)

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: