Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESCÁNDALO NA POLÍTICA DE RESIDUOS?

Os 'herdeiros' da anterior Xunta manteñen voz, voto e prebendas en Sogama

Un fillo do ex conselleiro Hernández Cochón, que cobra case 72 mil euros como secretario xeral, continúa a ser un dos homes fortes da sociedade pública.

R.Vilar - 12:15 12/11/2008

Que dentro de Sogama hai unha encarnizada pugna interna é algo que xa trascendeu incluso ao debate político do país. Os medios de comunicación daban conta hai dúas semanas da marcha do número dous da sociedade pública, o enxeñeiro Francisco Bustío (Unión Fenosa). Como conselleiro delegado que foi, Bustío tivo os seus máis e os seus menos co presidente actual, Xosé Álvarez (Xunta). Como informabamos nun artigo anterior, a liorta interna entre Unión Fenosa e a Xunta é tamén extrapolábel á guerra PPdeG-bipartito no que ten que ver co cambio nas políticas xerais de residuos. Porén, dentro da selecta sociedade pública (composta por pouco máis de 20 traballadores directos) hai claves que explican algo máis a entidade da  batalla que se libra.

Por debaixo do posto de presidente e de conselleiro delegado, está o de secretario xeral. Xosé María Hernández Sanmamed ocupa este ultimo posto, o terceiro en importancia dentro de Sogama. Poucos saben que este alto cargo de Sogama, partidario de Unión Fenosa na guerra que esta libra coa Xunta, é fillo do ex conselleiro de Sanidade e actual líder do PP de Sada, Xosé María Hernández Cochón.

Cunha retribución bruta semellante á dun conselleiro (Este ano cobrará perto de 72 mil euros), o secretario xeral de Sogama encárgase da área xurídica da sociedade pública, aínda que o groso do traballo está subcontratado ao despacho de avogados de Garrigues Walker. Ademais dos emolumentos económicos, o número tres de Sogama dispoñía até o ano pasado de coche de empresa e de tarxeta de gastos. O presidente actual, Xosé Álvarez, co que mantén unha mala relación, decidiu retirarlle o vehículo que empregaba de xeito exclusivo.

Un posto feito á medida?
O fillo de Cochón entrou en Sogama en 1997, cando seu pai era membro do executivo de Manuel Fraga. Con 28 anos pasaba a ocupar unha praza de asesor xurídico e pouco despois de secretario no consello de administración. Por aquel entón, ao igual que outros traballadores da sociedade pública, estaba contratado de xeito temporal a través dunha ETT.

En 2001 convócase a praza para secretario xeral de Sogama. O Consello de Contas é especialmente contudente co proceso de selección que lle acabou dando a praza ao fillo de Hernández Cochón: “En relación cos requisitos exixidos aos aspirantes, cabe sinalar que a inclusión de perfís profesionais específicos excesivamente axustados ao posto de traballo puideron supoñer unha limitación ao principio de igualdade no acceso á praza”.

A que se refire o Consello de Contas co dos requisitos “excesivamente axustados”? A resposta é sinxela se un comproba o DOG do 24 de xullo de 2001. Na convocatoria da praza exíxese como condición indispensábel catro anos de xestión de sociedades relacionadas cos residuos e dous anos de asistencia letrada e secretaría de consellos de administración de sociedades anónimas. A maiores, na polémica proba, que tardou 27 meses en convocarse, o currículo pesaba un 40%; un 30% a proba escrita e outro tanto unha entrevista persoal.

Unha sociedade “de ouro” no punto de mira

Pero se algo hai en Sogama son magníficos salarios. O xefe da área técnica, o que se encarga da intendencia da planta de incineración de Cerceda, Ramón Pérez, percibe tamén perto de 72 mil euros polo seu traballo na sociedade pública. Por debaixo del, diferentes cargos técnicos cobran salarios moi superiores ao dos seus compañeiros de función pública. En moitos dos casos, o Consello de Contas tamén advirte que non se garantiu a igualdade de oportunidades á hora de acceder ao posto público.

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, asegurou que nas vindeiras semanas vai airear as “irregularidades” que se cometeron en Sogama durante os mandatos do PPdeG. Logo das críticas que recibiu dende as bancadas populares pola nova xestión de Sogama, Vázquez afirmou que hai inquietude na formación conservadora porque o presidente actual “está desmontando o tinglado”.

Mentres prosegue a guerra entre a Xunta e o PP, a Fiscalía continúa investigando os lucrativos contratos que acaparou Unión Fenosa grazas á súa participación na sociedade pública. Con luces e taquígrafos, Sogama ameaza con convertirse nun dos maiores escándalos dos últimos anos.


4,92/5 (24 votos)

Comentarios (24)

condedecotobade #1 12/Novembro/2008 condedecotobade
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Mi ma, que chiringuito tiñan montado. Estes gobernaron como se ó país fose a súa leira.

merexonon #2 12/Novembro/2008 merexonon
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Hai unha cousa curiosa, os casos máis escuros da política galega teñen que ver coas enerxías, trama hidráulica (hai un director xeral de industria procesado), sogama (aquí tamén hai enerxía poeq se adican a queimar merda)...

se o parlamento funcionase habería que sacar esto, o do Gaiás e Pérez varela, os chanchullos hidráulicos e demais. Pero despois no parlamento parece que hai demasiados compadreos, hoxe por ti mañán por min, en fin

merexonon #3 12/Novembro/2008 merexonon
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

esquecíame de dicir que esas oposicións axustadas das que se fala neste artigo son máis habiutuais do que se poida crer, o raro é que non sexan así. ¿E logoque veñen sendo os concursos-oposicións?

Arroas #4 12/Novembro/2008 Arroas
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Pois que proben a súa propia pira queima-lixo e a inceneralos. Esas "toupas" son as que están dinamnitando e obstaculizando o reto de modernización, racionalización e acentuación do carácter máis ambiental do actual presidente, que acho acredita nun sistema público e racional de xestión dos residuos.

repunante10 #5 12/Novembro/2008 repunante10
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Hai que destapar eses chanchullos. Non pode ser que chavaliños imberbes -como o cuñadísimo da cidade da cultura- sexan enchufados e saqueen deste xeito o que son recursos públicos, con competencia e cualificación máis que cuestionables.

A merexonon: non se pode ir a demagoxia e dicir: "o raro é que non sexan así. ¿E logoque veñen sendo os concursos-oposicións?"

Hoxe por hoxe, hai milleiros de prazas de condicións modestas -a maioria-, cubertas cada ano mediante concurso-oposición dun xeito razoablemente xusto e transparente. Crear ese mito de que todos estamos no allo, o que fai é cubrir aos catro aproveitados que non son ninguén a parte de fillos do langrán de turno.

Carlinhos #6 12/Novembro/2008 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo -2 Negativo]

Que vaiam p'ro caralho os três partidos (3 PARTIDOS, já nom 2 partidos e umha frente assembleária) constitucionalistas, com cada-um-seu tinghlado; no Socialismo cubano podem meter a zoca, mais, ao que mete a mao saim-lhe bem calos nela de roçar e cortar cana!
Que raio mudam desde dentro? Mudam eles, cona! Havia-che gente bem decente no Bloco antes de "pisar moqueta", agora, por causa de quatro pastráns, vam todos p'rò mesmo saco.
(Se nom o escrevo rebento!)

ecoe #7 12/Novembro/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

E logo porqué ía privatizar esta xestión pública o siñor Fraga, sin lle tirar unha boa mordedela, tanto en blindaxes de salarios e postos como nos beneficicios para FENOSA (había tirar seguramente algunha que outra acción ou de unha outra fórmula, en sinal agradecido)..

Ca moqueta xa se sabe de antigo, que non é de hoxe.

fuco-lois #8 12/Novembro/2008 fuco-lois
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Estes do cambio traquilo, deixaron funcionando os chirijitos dos PPeiros.Concertos en Educación, sanidade,... Logo virán a pedir o voto. Menudos preas...

hillary #9 12/Novembro/2008 hillary
[Valora este comentario Positivo +5 Negativo]

Parabéns a R. Vilar ou Ramón V. (como prefira o Sr.) pola información dada.

O certo é que poucos sintios son tan valentes coma é Vieiros dando informacións.

O dito, parabéns e só unha cítica: non acompañar a info. con esta canción.

Cheira ben cheira ben... a merda que vén no tren
Cheira mal cheira mal... a política local

arteixan #10 12/Novembro/2008 arteixan
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

coñezo ben o caso de Sogama e é unha auténtica barbaridade o que ocorre en Cerceda. As caldeiras para incinerar olixo non funcionaron ben xa dendeo primeiro día, a solución foi pola vía do medio e decidiron enterrar o lixo de todo o país nun vertedeiro que debe ser agora dos mais grandes do mundo. Foi un negocio redondo para uns poucos e a nivel de pais non solucionou o problema do lixo, que é moito maior do que podan pensar moitos. No de que o fillo de cochón traballe aí tampouco é para sorprenderse tanto. Se un mira cantos sobriños, fillos, xenros, cuñados e demais que hai de altos cargos por diferentes chiringos institucionais quedaría pampo. Pero, do que é mal, o de que traballe a parentela non é patrimonio exclusivo do pp. aínda que é certo que fraga se luciu cando dixo aquelo de que os fillos dos do pp estaban mellor preparados.

negra_sombra #11 12/Novembro/2008 negra_sombra
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Vaia cara máis dura que teñen estes Peperos. Primeiro crean Sogama para darlle un negocio redondo a Fenosa. Despóis coaccionan ós concellos para que manden o seu lixo alí ou... senón que o coman. Adxudicanlle os contratos a empresas participadas pola propia Fenosa. Logo colocan a dedo a quen lles peta. Meten alí ó fillo dun conselleiro de sanidade, un dos máis inútiles da historia, que foi un auténtico pesadelo para todos os que precisaron atención sanitaria. Pobres habitantes de Sada, se algún día chega a ser alcalde. Da súa excelente xestión herdamos, por exemplo, as listas de espera. E como o seu fillo non ten traballo, probablemente porque é un inútil e un lambón, pois fanlle un sitio en Sogama, cobrando unha miseria: 72.000 euros ó ano, máis coche, tarxeta e quén sabe qué máis. E como o tío non saber facer o "o" cunha cana, contrátanlle, nada máis e nada menos, que un dos despachos de avogados de máis prestixio de España, para que lle faga o traballo. Así, mesmo meu can sería un excelente secretario xeral de Sogama. E polo menos tería sido máis leal e máis decente. Para redondear a xogada, fixéronlle o concurso á medida (proba do inútil que debe ser o paisano), tan á medida que por pouco lle poñen unha foto no anuncio. Hai que tocarse o c.... En fin. Así van as cousas. E o tal Ramón Mariño tampouco quedóu manco o paisano, cun soldo máis elevado co dun conselleiro, e quén sabe qué máis prebendas. O peor do caso, típico da herdanza que deixóu o PP, é que de todo esto non teríamos sabido unha palabra se non fora porque o actual presidente de Sogama semella non ter pasado polo aro de Fenosa (polo que debe estar perdendo un lote de cartos, todo hai que dicilo). E claro, cando Fenosa vai á guerra (neste caso ou no do imposto sobre os encoros, etc), o Pp vai de escudeiro, pintando a mona, inventando falsas acusacións, e deixando de lado toda a morralla que teñen eles debaixo das súas alfombras. Délles caña, señor conselleiro de medio ambiente! E vostede tamén, señor presidente de Sogama! Aquí non vale todo. O que é un mangante non ten dereito a criticar a quen intenta honestamente mellorar as cousas. Os que agachan a merda debaixo da moqueta non teñen talla moral para censurar ós que limpan esa mesma merda. Fagan unha comisión de investigación e que saia todo á luz. E despidan a eses dous mangantes, o fillo do ex conselleiro e o Mariño, que cos cartos que inmerecidamente lles pagan poderían contratar un exército de xente cualificada, competente, intelixente, honesta, decente, honrada e traballadora. E vostedes, membros do Pp, non teñan agora a cara dura de vir dando consellos sobre aforro, austeridade, contención do gasto público en tempos de crise, medidas extraordinarias…. Tempo e ocasións tiveron abondo para por en práctica todas esas recomendacións. Agora compre coñecer a verdade dos seus anos de oscuro governo e os seus amaños. Compre deixar claro, por exemplo, que a única economía que lles preocupa é a econo-súa, e a dos seus fillos, amigos, sobriños, socios, etc. Para mostra, dous botóns. Saúdos.

xacataca #12 12/Novembro/2008 xacataca
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Pachi Vázquez anda moi tranquilo, seica, mais ha caer tamén. Aquí hai merda para moitos (non todos, Carlinhos, non todos).

Algo cheira mal en Dinamarca.

#9, ula hillary? papáchela moreno?

Vakaloura #13 12/Novembro/2008 Vakaloura
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Parabéns para Vieiros! Non che hai ren coma por o ventilador a funcionar para que os cheiros de Sogama e os Pepeiros saian a frote. Vaia mafia! Agora a seguer até o final, canto máis cheire mellor. Que tod@s os galg@s saiban o quinteiro que tiñan e teñen montado.

merexonon #14 12/Novembro/2008 merexonon
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

¿Alguén sabe canto é ao mes 72.ooo euros brutos ao ano? repunante 10 eu non quero xeralizar co dos enchufes nas oposiciós pero habelos hainos e tamén é certo que entra algunha xente por méritos, pero só hai que ver as prazas que convocan moitos concellos para saber se son a medida-

Atlantico #15 13/Novembro/2008 Atlantico
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Claro que si, o PP convertera a Xunta nun inmenso chiringuito onde colocar os parentes, así estan agora, todo o día cabreados e desquiciados nos foros, ou o que é peor facendose pasar por bloqueiros indignados coa UPG, pra desmobilizar o voto nacionalista.

Carlinhos #16 13/Novembro/2008 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

#12 Pois nem tod@s. O próprio Sistema, caro Yorick, é perverso e perversor, nom há outra; quiçais opines que a quota de merda é inversamente proporcional à vontade persoal dumha Galiza livre com homes e mulheres iguais em direitos e deveres, eu nom o vejo assi, estou-che mais bíblico neste "momento histórico" e lembro o "polas suas obras os conhecereis"; se a marge de manobra é insuficiente e tenhem de vender-se aos "socioslistos", ao Grande Capital, à banca privada (pública nom a há), se se anda por andar, se caminharem por carreiros que conduzem a ningures... Estám tod@s melhor na casinha, quer dizer, na rua, na praza, no centro de ensino, de saúde, na associaçom cultural, vicinhal, na cooperativa, na fábrica, na festa da parróquia, no jornal... a formar galeg@s conscientes a luitar pola libertaçom nacional e social do país cos médios dos que se disponham, mais sempre polo caminho correcto. Se alguém quere ir "do Caurel a Compostela" nom caminha cara a Vigo, Cangas e Redondela
Podem fazer bem máis ruído e forçar máis acçons de governo com a mobilizaçom (olha p'ròs "Vilingües") do Povo Consciente (aí si que me tinham ao seu lado) que cum cámbio tranquilo que demonstraram que é utópico (o cámbio, nom a tranquilidade, que disso lhes sobra).
O próprio Quintá(na) já falou em Obamas... Estamos perdidos!

Gaviotero #17 13/Novembro/2008 Gaviotero
[Valora este comentario Positivo -7 Negativo]

Comentario mal valorado polos lectores. Ver



Xistral #18 13/Novembro/2008 Xistral
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Roma non se fixo nun día. Pouco á pouco irán caendo. O que non se pode caer é na desesperación porque lles dá aire aos outros.

Tino #19 13/Novembro/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Daí saen os fondos dos grupos radicais antigalegos? Eu diria q si: é cronos comendo aos seus filhos, mais estes fano para engrosar ao imperio do q son lacaios.

tinho #20 13/Novembro/2008 tinho
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

E ti gaviotero nom seras tamem funcionario po-la gracia de deus padre pp por que parasito coma ti achos dentro da epoca passada.

Carlinhos #21 13/Novembro/2008 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

#18 Os "aires" (ar€$) que tenhem os "outros" tenhem-nos bem segurados; eu acho que o que se está a conseguir é que muitas pessoas honoráveis do Bloco se estejam a converter em "outr@s" que é o que querem os que realmante repartem "air€$".
A nossa força nom está nesses ar€$, mais na nossa determinaçom para sermos um povo livre com cidadaos e cidadás iguais em dereitos e deveres e nom alargando as a distáncias entre classes sociais.
Mais isto é a simples opiniom de alguém que luitou na rua ao lado de muitos militantes de base do Bloco toda a puta vida e que agora nom vê projecto para a Galiza nessa organizaçom.

mansdodemo #22 13/Novembro/2008 mansdodemo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

¡O que hai que ver!.............,e aínda miraremos.

Tarelo #23 16/Novembro/2008 Tarelo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Estaría moi ben que se desmontase o tinglado clientelar do PP en SOGAMA. Pero que ninguén se pense que o PSOE está libre. O PSOE quita o PP para favorecer aos seus. Tempo ao tempo. Dise que o PSOE, o BNG o PP a mesma . . . . é, e así é. A menor escala, nos concellos estase a producir as maesmas prevendas, cos servizos de recollida do lixo, con privatizacións millorarias, inxustificadas e de espaladas á cidadanía. Segundo os políticos temos que presupoñer que a xestión das empresas privadas é indiscutiblemente mellor. O caso é que en Redondela entre os anos 1996 ata o 2.007, a xestión do servizo adxudicouse, a empresa Urbaser, a cla incumpliu o contrato e clausulas, co único fin de aumentar os seus beneficios, memntres os cidadáns recibiron un servizo moi precario, a subida dos impostos e os traballadores (que tam´ñen son cidadáns) foron explotados. Nembargantes o Concello de Redondela, levando máis dunha lexislatura sen reunir a Comisión de Seguimento dos servizos Privatizados, (de espladas ao povo), volveu a adxudicar a esta mesma empresa un concurso que de partida saia por 10 anos, e sacouse da manga unha ampliación de 10 anos maís, chegando a 20 anos, á razón de máis de 860.000 euros/ano. Despois de levar dende o 2006 sen subir as tasas, o Concello de Redondela volta a subilas a razón do 4,9 %. En Urbaser traballa, o que fora o Director Financeiro da Cidade da Cultura, e cuñado de Rajoy. Unha filla do alcaalde desta vila tamén traballa para unha multinacional española que en redondela explota o servizo de abastecemento e depuración (nunca depurou) da auga, que a súa vez ten unha empresa de servizos adicada á recoollida do lixo. Outros fillos/as, sobriños/as, cuñados/as e demáis familias de alcaldes e concelleiros de distintos partidos políticos de Galiza, "de casualidade" rematan traballando para as grandes empresas que se fan cos grandes contratos das grandes . . . administracións, e non de peóns camineiros precisamente. Tamén os fillos/as de Sindicalistas dos grandes sindicatos galegos. Ti que pensas?

barravaite #24 30/Decembro/2008 barravaite
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Pero vamos a ver, tan complicado é botar á rúa a un empregado dunha empresa pública? Canto máis tarden máis custoso sairá o despedimento. Debían de telo feito ao encetar a lexislatura anque o Pachi Vásquez debía querer coñecer ben o funcionamento do tinglado para poñer a moer o seu muiño e o do PSOE cara ás eleccións autonómicas.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: