Cando hai gandeiros empeñados por culpa de adquirir máis dereitos de produción de leite, confírmase que no 2015 se suspenderá o sistema de cotas. De novo volven os argumentos contra o alto custo da “Europa Verde”, da política agraria común, e avánzase na liña de “liberalizar”, de desprotexer, de que sexa o mercado o que impoña a súa lei.
A comisaria Fischer dá unha nova volta de rosca, co discurso de que o actual sistema non garante a subministración de alimentos á poboación europea a prezos razoables. (Tampouco os bancos o fixeron ben e xa vedes).
Á parte do asunto sempre espiñento das marxes dos grandes intermediarios, que se moven coma peixes –quenllas, concretamente- no mar do mercado, dicir que os altos prezos son por culpa da protección aos agricultores –sen diferenciar a duquesa de Alba do Xan da Penouta- é enfocar a cuestión da economía campesiña e o mundo rural como unha mera fábrica de alimentos.
Curiosamente, parte dos cartos que se aforren co recorte das axudas queren empregarse en subvencionar o “desenvolvemento rural e a protección do medio ambiente”. Outravolta o paradoxo europeo: cunha man fago imposible vivir do campo, coa outra dou cartos a esgalla a nin se sabe quen para solucionar a desfeita ecolóxica dun agro sen labregos.
Efectivamente a mellor garantía de desenvolvemento e mantemento do medio ambiente rural é garantir a fixación de poboación, de comunidades humanas dun tamaño viable, en equilibrio co medio natural, mantendo unha actividade agrogandeira e forestal suficiente. Isto é: mantendo poboación activa agraria.
Certo é que asegurar en Europa unhas rendas familiares suficientes ás pequenas explotacións simplemente a partir do que o mercado retorne aos labregos polo que producen, en libre e aberta competencia con multinacionais, terratenentes planetarios, agroindustria transxénica e de países emerxentes, etc... é misión imposible. Por iso está claro que as axudas para o asunto medioambiental deberían precisamente enfocarse a incentivar un medio rural vivo.
Tamén os labregos e labregas deben poñerse na onda: diferenciar o produto, vender ecoloxía e botarlle imaxinación e maña para non depender dos distribuidores. Innovar a tradición, facer o de sempre, pero mellor e distinto, e dándolle o valor que merece.