Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Editorial

Estar coas vítimas da historia

Non está a historia -e as súas memorias- para moitas marabillas. 

Seguro que as “camadas populares” da esquerda alporizada daqueles anos republicanos nos que sor Maravillas tivo que abandonar o convento do Cerro de los Ángeles, cometeron excesos e abusos sobre persoas relixiosas. Pero fronte a ese argumento hai demasiado “debe” no balance da Igrexa en España, demasiado como para considerar oportuno que unha figura tan representativa do integrismo católico fose homenaxeada polo Congreso dos Deputados. 

Redacción - 11:37 27/11/2008
Tags:

Coincide o trebón, precisamente, con toda a polémica sobre o desenterramento das vítimas da represión falanxista e franquista da guerra e posguerra. Por suposto que todo está politicamente connotado, pero resulta moralmente difícil defender o esquecemento e o pasar páxina, como se aquela aniquilación sistemática do adversario –e, de paso, do rival de moceo, ou do veciño molesto, ou da que me miraba mal- fose un mal menor, ou necesario, ou inevitable. 

Non só foi o maior crime da historia española do pasado século, senón que –para os cristiáns- ten unha dose extra de ignominia e indignación: en demasiados casos, tanto como para chegar a ser norma xeral e a postura institucional, a Igrexa bendiciu – en moitos casos tal cal, con cura e auga bendita- aquelas execucións ilegais.  

O seguimento de Xesús é o seguimento dun crucificado polo poder relixioso e político. Esta afirmación incuestionable resultaría suficiente para deixar clara a perversión histórica, o “cambio de lugar” social dos predicadores con respecto ao predicado. Xa non digamos se acudimos á mensaxe e á causa de Xesús, aos motivos que o levaron a ser executado. Daquela a simpatía cos represaliados resulta aínda máis evidente. 

Con todos os respectos a sor Maravillas ao señor Bono e ao Opus Dei: antes de resultar “civilmente” aceptable a lembranza da tenebrosa Igrexa de sor Maravillas, aínda falta moita contrición, bastante reparación moral e toneladas de humildade na Igrexa xerárquica. E, sobre todo, falta unha longa e pendente travesía desde a posición de prepotencia moral e alianza histórica cos poderes máis retrógrados a un saber estar coas vítimas da historia e as causas humanas xustas. 
 


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: