A trindade panikkariana A nota introdutoria afirma: «A reelaboración da Teoloxía Trinitaria de Raimon Panikkar que nos propón Victorino Pérez Prieto permite situarnos no centro da experiencia teolóxica e do diálogo entre o cristianismo e o hinduísmo (e o conxunto das relixións). A trindade preséntase como unha realidade teo-antropo-cósmica, é dicir, como a unión das tres realidades orixinarias: Deus-Home-Mundo...». Victorino Pérez Prieto emprendeu a gran tarefa de repensar e reelaborar, dun modo sistemático, a experiencia teolóxica de R. Panikkar, presentando así, de forma unitaria, aquilo que Panikkar veu ofrecendo de maneira máis dispersa e circunstancial ao longo do seu fecundo maxisterio. Esta obra trata dun aspecto particular, pero esencial, dentro dela: A teoloxía trinitaria.
A Trindade foi e segue sendo, coa encarnación (da que non pode separarse), o momento clave da identidade cristiá, no interior diso que se adoitou chamar o monoteísmo abrahámico, que vincula o cristianismo co xudaísmo e o islam.
Neste contexto, R. Panikkar foi, dalgún modo, o primeiro que, dun modo

consecuente, situou o tema do Deus trinitario no centro do diálogo do cristianismo coas relixións orientais e, en especial, co hinduísmo. E non desde fóra, coma se cristianismo e hinduísmo fosen entidades separadas e contrapostas, senón a partir da mesma identidade cristiá vivida e expresada desde o hinduísmo e, viceversa, a partir do hinduísmo vivido desde dentro do mesmo cristianismo.
O novo lugar de comezo do diálogo relixioso Achámonos ante unha experiencia inédita e provocadora, pero chea de futuro. Este é un momento de graza ou, por dicilo con outras palabras, un momento de creatividade e esperanza, de maneira que o que algúns tomaron como fin das relixións pode converterse en principio dun novo espertar e encontro relixioso.
Desde esta perspectiva, o diálogo coas relixións monoteístas pode quedar aparcado por un momento, polo menos nese campo teórico da Trindade (o diálogo práctico do amor e a solidariedade ha de darse sempre), mentres se abre, doutra forma, o ámbito de encontro do cristianismo coas relixións do oriente. Certamente, elas non teñen un concepto de transcendencia homologable ao das relixións monoteístas, nin tampouco unha visión comparable da historia ou da persoa humana. Pero é precisamente iso o que nos permite cambiar de perspectiva e expor o diálogo noutros campos que ata o de agora non exploraramos, nin eles (os que asumen a experiencia básica das relixións orientais), nin nós (os cristiáns). Estou convencido de que despois, nun segundo momento, poderase e deberase retomar o diálogo do cristianismo coas relixións monoteístas.
No primeiro momento dese diálogo sitúase este libro de V. Pérez Prieto. El non se limitou a presentar o pensamento de R. Panikkar (cousa que fixo dun modo excelente), senón que, supoñéndoo xa coñecido, reelaborouno coma se fose un material propio, para presentar desa maneira a súa visión da experiencia e teoloxía trinitaria, de tal forma que, ás veces, non se sabe distinguir entre o que é seu e o de Panikkar.