Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ANTÒNIA FONT, POP

"Cando un grupo da periferia quere introducirse en Madrid faino con medo, e así é imposíbel"

A banda balear, Premio Nacional de Música en Cataluña en 2008, actuou en Galiza por vez primeira este xoves.

Marcos S. Pérez - 12:00 28/11/2008

No Estado Español a pluralidade cultural non existe cando falamos do mercado. A música galega triunfou en Madrid da man dos Resentidos; eran tempos no que a movida se escribía con 'V' de Vigo, e chegaba triunfante nun tren até a mesma capital do imperio pequeno. Algo semellante pasou co rico movemento do rock catalá, a comezos dos noventa, con Sopa de Cabra, Gossos ou Els Pets á fronte. Pouco máis. Acéptase o inglés como lingua, pero para catalán, euskera e galego existen aínda (ou cada vez máis) barreiras. Iso non importa tanto nos circuítos independentes, claro, nos que Mus e Lucas 15 (asturiano), Lisabö e Anari (euskera) ou Mishima e Antònia Font (catalán) contan cun público fiel en todo o Estado, e co recoñecemento da crítica.

"Non somos un grupo raro", di Pau Debón (vocalista), "non se nos ten por que ver así en Madrid, en Málaga, ou en Vigo, só por cantar en catalán, "aquí ven Franz Ferdinand, cantan en inglés e ninguén se sorprende". Onde está o problema, pois? Por que resulta tan complicado que os castelanfalantes escoiten música feita en galego ou catalán? Alén dos argumentos habituais, Pau Debón fai autocrítica dende a periferia: "cando se intentou entrar no mercado español fíxose con temor. Os artistas e os promotores son os primeiros que teñen medo, e así é imposíbel". E conclúe: "é certo que hai moita xente que rexeita o catalán porque si, pero esa xente non nos interesa. Interésanos a xente á que lle gusta a música".

Antònia Font
son un fenómeno social nos Países Cataláns. Venden discos por milleiros, son quen de encher o Liceu de Barcelona (cunha capacidade para catro mil persoas) durante catro días seguidos, e a súa música e as súas letras son materia de estudo nos colexios. Naceron hai dez anos en Mallorca, cun álbum homónimo que se converteu nun éxito local. Con Alegria ou A Rússia deron o salto a Cataluña, onde foron quen de triunfar mesmo cantando nun dialecto local do catalán, o seu mallorquín natal. Para que poidamos entendelo en Galiza, abonda con imaxinar unha banda de pop triunfando cunha marcada gheada explosiva, coa fala eonaviega ou co dialecto de Valdeorras. Di Joan Miquel Oliver (letrista e guitarra) que non considera unha lousa a normativa porque a normativa non lle "interesa", e destaca que o feito de que cantar do mesmo xeito que falan axudou a que as súas cancións soasen máis directas. Pau Debón salienta que "a nós foinos ben cantando en dialecto, e en Barcelona á xente mesmo lle fai graza".

Un ano de éxitos, mesmo fóra dos Países Cataláns
O 2007 supuxo un punto de inflexión para o grupo: consumación do éxito en Cataluña, recibindo o Premio Nacional de Música, recoñecemento a nivel do Estado co premio da Academia da Música ao mellor álbum pop español, e éxito comercial co seu recompilatorio Coser i Cantar, gravado coa Orquestra Sinfónica de Bratislava. "Quizais si será un punto de inflexión. O recompilatorio serviu para pechar unha etapa. Agora imos parar durante un ano e despois pensaremos no próximo disco", di Pau Debón. Punt i principi de viure sense tu. Antònia Font pechan unha primeira etapa e tomaran o 2009 como un ano de descanso. O letrista e guitarrista da banda, Joan Miquel Oliver, publicará en febreiro o seu segundo álbum en solitario. Oliver, motor do grupo, é un valor en alza na cultura catalá publicou hai uns meses a súa primeira novela, El misteri de l'amor.

O rock català tiña unha compoñente política moi clara, moi necesaria tamén, seguramente, pero que acabou por impoñer unha etiqueta á música feita en catalán da que moitos grupos optaron por refugar. "Non quixemos ir por ese camiño. Non facemos política; os grupos que si a fan non son nin mellores nin peores, é outro camiño, nós dedicámonos a facer música. E usamos a nosa lingua porque é a nosa lingua. É unha cuestión de normalidade". Antònia Font encabeza unha nova xeración de bandas e solistas en catalán, na que podemos incluír a Mishima, Sanjosex, Conxita, Roger Mas, Feliu Ventura ou Cabo San Roque, que están conseguindo que a escena barcelonesa tomase un pulo renovado.

Hierático Joan Miquel Oliver e histriónico e sorrinte Pau Debón lideran unha banda que non só pon sobre o escenario as letras máis orixinais que se poden escoitar na Península, senón que o fan cunha solvencia musical eloxiábel. Antònia Font é un grupo de pop, orixinal tamén na súa música, na que as influencias non son de todo evidentes. O pop e a primeira electrónica de comezos dos oitenta, pero tamén o tropicalismo e o espíritu rumbeiro, tan catalán (e tan de actualidade na escena barcelonesa da man de El Guincho ou Coconot), que fixeron explícito en Taxi (2004) ou en cancións como Canta (A Rússia, 2001). Outros referentes poden ser algúns artistas cataláns, xeniais e dificilmente clasificábeis, como Sisa ou Pascal Comelade: "si, pode existir unha ligazón con Sisa ou Comelade pola temática das letras, por inventar un mundo irreal", di Pau Debón.

Viaxes interiores, viaxes galácticas
As letras de Oliver son o primeiro que se destaca. Mundos interiores, pequenas historias, pezas poéticas, neoloxismos, xogos de palabras. "A definición como surrealistas non nos gusta", di Pau Debón, "de feito Joan Miquel sempre se queixa de que a xente di iso sempre que non entende unha letra. Pero nós facemos as letras para que se entendan, queremos dicir algo. Aínda que sexan letras difíciles, con moito contido". Algo teñen dos nosos Resentidos. Letras alegres, letras tristes, letras tristes ás veces para bailar unha rumba: "ás veces sae así, outras veces as letras parecen alegres e son tristes; fíxate por exemplo no disco Alegria, que en realidade, chamándose así é un disco con letras bastante terríbeis", di Debon.

O universo, as viaxes espaciais, os astronautas..., son unha das marcas temáticas do grupo. Dende as primeiras Cibernauta Joan ou S'univers és una festa (Antónia Font, 1999), até Astronauta rimador, Armando rampas ou Extraterrestres (Taxi, 2004). En Batiscafo Katiuskas (2006), seguramente o seu disco máis redondo, a viaxe foi interior: "Batiscafo trata máis os sentimentos interiores, moito máis cós discos precedentes", di Pau Debón; de feito o álbum ábrese coa solitaria inmersión oceánica do Batiscafo socialista, comandado por unha actualización do Major Tom ao que Bowie lle cantaba en Space Oddity.

En Vigo convenceron aos seus seguidores
Unha Fábrica de Chocolate chea, con seguidores da banda chegados de toda Galiza, empregaron os primeiros minutos do concerto para tomar conciencia de que estaban vendo en directo ao grupo que tantas veces escoitaran. Despois, os Antònia Font fixeron un repaso polos seus cinco discos nos que non faltaron os seus temas máis coñecidos, como Alegria, Canta, Tots es motors, ou Wa Yeah! Un recompilatorio en directo que fuxiu dun tópico que nalgún momento existiu sobre a banda: o 'pachanguerismo' dos seus concertos, un pop-rock de serie b que semella que xa deu paso a unha absoluta solidez sonora, a un directo impecábel.

E por que o nome de Antònia Font? Foi unha pregunta recorrente nos seus primeiros anos, cunha explicación moi sinxela: unha compañeira de Oliver na Facultade de Filosofía, a súa primeira fan, á que lle dedicaron algún dos seus primeiros concertos. Tiveron que pasar dez anos para velos en directo no noso país. Había gana.


4,79/5 (24 votos)


Comentarios (6)

Arroas #1 28/Novembro/2008 Arroas
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Aiii, fallamos pola base: pero que é iso de chmarse a periferia?? Gz, Euskadi, Paisos Catalás, son periferia de que? De Europa? De Eurasia?? A ver, ese tipo de denominación (como a casposa e repugnante de "provincias") é usada desde a España imperio fracasado, e máis concretamente desde Madrid, como centro de poder (simbólico), que teima en construír e manter un edificio socio-político de deseñada e tendenciosa visión centrípeta, ou "madricentrica", se se me permite a licença.
Eu, habitante do UniversoGZ, de Galiza, unida a América por un grande océano, a Irlanda e demais países do "Arco Atlántico" chegando a beirmar de Skandinavia, para nada teño a imaxe, visión e sentimento de ser periferia, e non digo simplesmente en temros xeográficos, non. Falo tamén en termos sociais, culturais, laborais...
Como unha vila grande, no centro dun deserto meseteño carente de vida,unha burbulla encerrada no seu propio universo localista cañí-eghpañol, de cansinas consignas e proclamas de "España es lo único queimporta", que van ver matar touros, e outras barbaridades,de Real Madrid e outras tradicións bárbaras, como, pregúntome eu, vai ser iso centro da miña vida e do meu universo (noso)??
O de periferia e centro é totalmente relativo e na máis que reflicte, en todo caso, o esquema mental de cada un en termos de país, vida, sociedade, cultura, economía, etc, etc.
En fin, que a miña periferia é Portugal, ASturias e España.
De todas formas, haberá que escoitar esa banda musical.
Ciao

galleto #2 28/Novembro/2008 galleto
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois eu vivín 12 anos en Madrid, e debo decir que nunca percibín ningún tipo de periferio-fobia, quero decir nos ambientes por onde eu me movía. Ao contrario, o madrileño non esperanzista é un tipo bastante curioso, aberto e hospitalario. Alí vin concertos de todo tipo de músicas, unha variedade musical que xa nos guataría en Galicia. Ti chegas a Madrid e en unha semá xa te invitan a cear nas casas, a festas, a concertos, digamos que te sintes integrado... Isto é así, o que eu vivín, a miña experiencia. En un ano en Barcelona non te invita a nada nin Dios.

Arroas #3 28/Novembro/2008 Arroas
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

... pero se eu falo de madrid como "simbolo", non dos madriles, non dos habitantes que mora lá, nin falo da hospitalidade, ouh.
Eu o que digo é que iso de periferia para referise ao país dun, en fin. Non me vou repetir. A hospitalidade eu téñoa sentida en case todos os sitios nos quee estiven (Cada un fala da feira segundo lle foi nela). Non creo que sexa "patrimonio" español-andalusí. (galleto, xa sei que ti non dis isto. SImplesmente o comento).

galleto #4 28/Novembro/2008 galleto
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Eu non falaba do teu comentario, falaba do artículo.

Polo demáis estou totalmente dacordo contigo, non hai polémica neste caso.

galleto #5 28/Novembro/2008 galleto
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Había unha libería na Rúa Lavapies, rexentada por un tal Xesús, que se chamaba precisamente así: "Periferias". Calqueira que a coñecese (desgraciadamente xa non está) me dará a razón cando digo que era a mellor librería "periférica" de Madrid. Un lugar onde podías atopar libros marcianos, transgresores, incorrectos, descatalogados, revolucionarios, crónicas dos tempos revoltos, etc... Tiñan unha verdadeira reserva de textos situacionistas, por poñer un exemplo (materiais moi raros de atopar, algúns primeiras edicións). E ademáis te invitaban a un café, cortesía da casa. Por non falar das tertulias, recitáis de pesía... Neste caso estaban orgullosos de pertencer á "periferia", entendida ésta como estado da mente. Pois penso que antes que rexeitar o uso do concepto "periferia", cecáis habería que darlle un estatus superior, contra o máis reaccionario concepto de "centro". Pero entendo o que dis, simplemente quería facerlle un homenaxe a Xesús, a súa librería (na que merquei tantos libros magníficos), a sua cafeteira, e á vella máquina Olivetti na que supoño que estaría redactando panfletos subversivos, quén sabe...

Garrano #6 28/Novembro/2008 Garrano
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Que en Madrid están as discográficas e os medios de comunicación que pinchan o que lles parece? Pois certo que si, aí a música en linguas "perifericas" ten as suas limitacións e as veces dá igual que vendan máis ca outras simplesmente non se pinchan ou pasan cousas coma aconteceu hai anos co prograba Trebede de RNE3 onde o presentador recibiu ordes expresas da dirección da emisora para limitar a música de gaita (isto foi a mediados dos 90) e nun programa de música folk, para que logo digan.

O caso é convencermonos de que hai vida máis aló de Madrid, ainda que o control dos medios e o grande capital das discográficas estea alí e funcione como funciona.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: