A razón fundamental da devalución do Bolívar Fuerte (Bs F) é a promoción das exportacións e a substitución das importacións, impulsando a produción nacional, segundo declarou o presidente de Venezuela Hugo Chávez no programa de televisión do xornalista José Vicente Rangel, José Vicente hoy.
O que o goberno revolucionario chama "axuste cambiario" a devaluación dun 50% do Bolívar Fuerte "Non se fixo para enfrontar unha crise fiscal, nen para pagar débeda externa ou interna, fixémolo sobre todo para frear a enxurrada importadora. Co dólar barato marcharon pola vía das importacións e abandonaron a produción interna" declarou o presidente venezuelano.
Engadiu que tampouco se tomou esta medida "porque exista unha crise fiscal, pois malia a caída vertixinosa dos prezos do petróleo fixemos un bo manexo administrativo no 2009 e remataremos o ano sen problema para cumprir cos compromisos da República "... "con esta medida estamos lanzando un sinal: imos substituír importacións e queremos promocionar as exportacións. Esa é a razón fundamental".
A devalución non peca de eleitoralismo
O presidente venezuelano Hugo Chávez engadiu que "absolutamente para nada ten un signo eleitoral" a decisión de pasar o cambio de 2,15 a 2,60 bolívares por dólar estadounidense, e crear un novo tipo de cambio (para todas as importacións) chamado dólar petroleiro, que terá un valor de 4,30 bolívares.
"Hai algúns sectores que din que a decisión leva un custe político, foi tomada nun intre desaxeitado porque estamos avanzando cara a unha campaña eleitoral, que vai mallar a inflación e daralle armas ao inimigo. Nós non consideramos para nada o tempo electoral senón os proxectos económicos e sociais".
A especulación aumenta a inflación
Sobre as análises que destacan como posíbeis efectos da devaluación a inflación, o presidente venezuelano declarou que o risco de inflación é permanente e aumenta coa especulación, por iso, o Goberno a enfrentará con novas leis.
"O risco de inflación é permanente e sobre todo o risco increméntase pola especulación, como vimos nos derradeiros días, por eses códigos que están moi sementados na nosa sociedade, orientada ao consumismo. Dígolle ao pobo venezuelano que non se deixe atemorizar, non vexo razón para que un feixe de persoas saia disparado a mercar neveiras e televisores".
O presidente advertiu que "estamos dispostos a aplicar a lei con man moi firme. Incluso, pedirei á Asemblea Nacional unha modificación da Lei de Protección ao Consumidor, para poder expropiar aqueles negocios que especulen, porque iso é un delito".
"Máis que prognósticos son malos desexos"
Ante os prognósticos negativos divulgados pola revista estadounidense Newsweek contra o Goberno venezuelano para este ano, o presidente venezuelano manifestou:
"Son prognósticos dun lado do escenario e máis que prognósticos son desexos de xente de moito poder, polo tanto, hai que ter moito tento. Sabemos que representa todo unha estrutura do imperio ianqui e grandes empresas transnacionais, do complexo militar industrial".
E agregou que "alén deses prognósticos aquí hai unha realidade: o mundo está convulsionado, guerras, hai unha crise espantosa no económico, político, ético, enerxético, en verdade o mundo está nun caos ".
Afortunadamente, "vouno repetir cunha gran convición, aquí chegou a tempo unha revolución, cos seus defectos, cos seus baleiros e contradicións, pero chegou a tempo unha era nova de cambios, que até certo ponto protéxenos do andazo mundial, que está acabando con países enteiros", rematou Hugo Chávez.