Ramón Gómez, ourensán de nacemento, dirixiu desde o seu inicio, hai 20 anos, a implantación e desenvolvemento en Galicia do programa para a rehabilitación de persoas adictas, Proxecto Home. Nesta data tan significativa IRIMIA quixo aproximarse a esta persoa e a esta institución para descubrir e ofrecer a aposta que teñen feito a favor dun sector tan necesitado da sociedade galega.
Ramón, moi brevemente, que é Proxecto Home?
Pois Proxecto Home é unha institución dependente da Fundación Monte do Gozo que, á súa vez, está promovida polas cinco dioceses de Galicia, que sempre lle deron apoio a Proxecto Home e seguen a darllo. Proxecto Home está composto por un amplo equipo de educadores-terapeutas que, coa inestimable colaboración de moitos voluntarios e voluntarias, se dedica algo á prevención da drogadicción e moito máis á rehabilitación e reinserción social de persoas adictas, sempre coa importantísima colaboración das familias correspondentes, cando isto é posible.
Cales foron os obxectivos principais que marcastes ao iniciar Proxecto Home, hai 20 anos?
O que pretendiamos daquela, basicamente, era poder ofrecer a toda a sociedade galega este servizo de rehabilitación, tendo en conta que naqueles tempos non había moito a onde acudir, cando una persoa padecía algunha adicción. Por iso nos empeñamos desde o primeiro momento en que en todas as poboacións importantes de Galicia houbese centros de Proxecto Home, para que lles fose máis doado achegarse a este servizo a quen ben o quixese. E así sucesivamente fomos abrindo centros en Santiago (1990), Vigo (1993), Ourense e Lugo (1997) , 1998 (A Coruña), 2001 (Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar) 2003 (Pontevedra). Ademais, postos a andar xa os servizos básicos, quixemos tamén ir respondendo á demanda das diferentes tipoloxías de persoas dependentes: heroinómanos, cocainómanos, alcohólicos, ludópatas, persoas adictas á compra compulsiva, persoas con patoloxía dual (adicción máis problema psiquiátrico agudo), drogodependentes en prisión…; e iso levounos a ir abrindo centros ou unidades especializadas para o tratamento de cada unha destas realidades particulares.
Considerades que tedes conseguido eses obxectivos propostos no seu momento?
En boa medida, si, polo mesmo que queda dito. Pero sempre nos queda o afán por facer as cousas mellor, máis axustadamente, para que cantas persoas acudan aos nosos servizos se vexan realmente collidas pola súa vitalidade, para completar neles un bo proceso de rehabilitación. E nesas andamos.
Que é o que máis vos axudou a conseguir eses logros?
Home, basicamente a cousa estivo nas mans dun equipo terapéutico que se esforzou en ofrecer uns recursos serios, profesionalmente ben estruturados, ben atendidos, onde as persoas puidesen levar a cabo un proceso de maduración e de cambio. Despois, loxicamente, estivo e está o traballo dos mesmos residentes, homes e mulleres; sen o seu querer, sen o seu esforzo persoal, nada sería posible; e hai que engadir a isto o traballo das familias, que, para a nosa maneira de entender a rehabilitación, xogan un papel especialísimo. E despois están os varios centos de voluntarios e voluntarias que axudan día a día a que se poida levar a cabo una abordaxe ampla de todo canto afecta á vida e ás circunstancias das persoas en rehabilitación; os voluntarios e voluntarias son, ademais, unha referencia viva do espírito do voluntariado, que é a forza principal de Proxecto Home, xa que Proxecto Home, basicamente, é unha ONG, ou Centro Galego de Solidariedade, que é como tamén nos gusta chamarnos.
Polo demais, a sociedade galega en conxunto sempre nos apoiou moito. Non tivemos dificultades maiores para a apertura dos nosos centros en ningún lugar. As institucións públicas e privadas axudáronnos considerablemente, e entre todos puidemos ir dando algo máis de resposta a un problema como a drogadicción, que tamén é un problema de toda a sociedade.
E cales foron as vosas maiores dificultades?
Unha dificultade importante foi ir atopando o noso propio lugar dentro do conxunto de alternativas terapéuticas que se van ofrecendo; en diálogo con todos, pero mantendo con humildade, con orgullo, con normalidade a nosa maneira particular de entender a axuda que se lle pode dar a unha persoa drogodependente que quere saír dese mundo. Por outra banda, o día a día do traballo terapéutico encerra importantes dificultades, para os propios residentes, pero tamén para os equipos que os acompañan; acompañar nun proceso de educación para a rehabilitación non é, non pode ser, cousa de aplicar unhas normas, uns principios, e xa está; non, é un traballo con persoas, coas súas complexidades, cos seus medos, coas súas fantasías, hai que saber estar aí ao lado, sen violentar nada, pero transmitindo vontade de encarar as dificultades, en fin,...; que os usuarios/as o entendan así, que o equipo terapéutico o realice tamén así. Outra dificultade importante é o tipo de drogodependente actual, frecuentemente padecendo un problema psiquiátrico asociado. E despois tamén as dificultades de ir atendendo día a día os gastos que todo isto orixina, porque no programa non se lle cobra á xente, e as Administracións públicas aportan, pero non todo, nin moito menos.
Falabas hai un pouco da vosa maneira particular de traballar en drogodependencias, en que consiste?
Traballamos implicando as familias nos procesos de rehabilitación dos seus familiares residentes; partindo de que o problema non é a droga, senón a persoa que a consome, entendemos que o residente debe facer unha abordaxe integral da súa persoa, coas circunstancias todas que a rodean e compoñen, para poder garantir un bo traballo, uns bos resultados; traballamos devolvéndolle á persoa residente o protagonismo sobre a súa propia rehabilitación, pero tamén implicando a todo o grupo nunha dinámica de axuda e de autoaxuda, como motor principal do seu proceso, confiando sempre nas posibilidades de cambio que aniñan no interior de cada persoa. Traballamos, polo tanto, en grupo, en comunidade, con profesionais polo medio, pero conscientes de que o papel dos profesionais é dinamizar o grupo, para que o grupo desempeñe o papel que debe desempeñar. Traballamos gratuitamente e con espírito de voluntariado sempre.
Cales son os vosos proxectos para o futuro máis inmediato?
Consolidar o que estamos facendo, facelo ben, a fondo; estar moi atentos á nova realidade de moitas persoas drogodependentes que ao mesmo tempo padecen unha doenza psiquiátrica aguda; investir moito máis tempo, pensamento e acción nas áreas de prevención, que é unha carencia grande en toda Galicia, facer investigación en colaboración coa Universidade de Santiago, coa que hai poucos días firmamos un convenio de colaboración.
Que opinas do feito da drogadicción: a menos, a máis, admitido, normalizado?
É algo moi complexo. A menos, non vai, aínda que varían hábitos, substancias. Estase normalizando: os consumidores, as familias, a sociedade estao vendo como algo dado (a ver se temos a sorte de que non nos toque, din moitos), sen moito espírito de loita ante iso. Somos, en conxunto, unha sociedade bastante adicta, na que vai ser fácil que se desenvolvan comportamentos de drogadicción e outros similares. Penso que non nos deberiamos resignar a ser o que estamos sendo. Hai moito que gozar, moito polo que loitar, moito co que nos construír coma persoas felices, sen ter que recorrer ás drogas, que é unha rendición deshumanizadora.
Para acceder a calquera dos vosos servizos, que é o que hai que facer?
Pois nada especial, achegarse, pedir unha cita, incluso por teléfono, e deseguida se empeza o proceso para encamiñar a situación. O básico é que a persoa queira de verdade darlle un cambio á súa vida; as dificultades que poida haber, todas son superables.
E o voso teléfono central?
Pois o central é o 902.260250, ou tamén o de cada centro: A Coruña: 981.295432; Lugo: 982.202693; Ourense: 988.371192; Pontevedra: 986.855151; Vigo: 986.374646.
Moitas grazas, Ramón. Que estes 20 anos de loita e de éxitos vos animen a seguir nesa estupenda tarefa.
Iso o queremos. Grazas a vós.