Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
OPINIÓN

UN PACTO POLA EDUCACIÓN

Nestes días falouse dabondo da necesidade de establecer un Pacto pola educación. Mesmo o PSOE e o PP, tan propensos á descualificación do opoñente e aos “profundos debates ideolóxicos” do e ti máis, escenificaron publicamente a oportunidade de asinar un pacto, aínda que marcasen dende o inicio as súas discrepancias. Unha necesidade de pacto que encabeza o ministro Gabilondo e que non limita ás forzas políticas, senón que o abre a todos os membros do sistema educativo e á cidadanía en xeral.

José A. Martínez - 11:13 23/02/2010
Tags:

Se xa interiorizamos que o noso país vive unha das peores crises económicas da súa historia (malia os beneficios dos bancos), érguese aínda con máis contundencia outra apreciación que é mesmo un dogma de fe: o noso sistema educativo está en crise, non ofrece as respostas que a sociedade demanda, deixando a calidade do ensino moito que desexar. E se dubidamos, ofrécennos datos empíricos que así o corroboran (coma o Informe PISA), aínda que nas conversas, de faladoiros a familiares e veciños, transloce un fondo mítico de que sempre o pasado foi mellor, e xa non se esixe coma antes, que xa non hai nivel (como  tampouco a sardiña de agora sabe como a da nosa nenez, ou que isto non é fútbol, que fútbol era o de Zarra e Di Stefano).

 Un pacto necesario, mais para que?

Sen dubidarmos da necesidade e das bondades dun pacto, habería que cuestionarse cal sería o seu obxectivo. Mellorar a calidade da educación, por suposto, responderíase sen dubidar. Deste xeito, primeiramente sería necesario chegar a unha percepción común sobre cales son os problemas que presenta o noso sistema educativo e que estratexias cumprirían para superalos. Mais aquí é onde xorden os primeiros atrancos, porque pactar a educación non é só pórse de acordo co se vai traballar dentro das aulas, senón pensar na súa finalidade: xa uns profesionais adaptados á realidade do mercado laboral, xa formar persoas dun xeito integral, xa individuos para convertelos en cidadáns conscientes dos seus deberes e dereitos. Ou un pouco de todo. Mais para isto temos que falar da sociedade en que vivimos, ter un modelo de sociedade para o futuro e pórse de acordo no modelo de sociedade que queremos construír, e nisto xa xurdirían máis que pequenos problemas terminolóxicos.

 Da integración á excelencia

As palabras teñen un grande poder. Non sabemos se actúan no noso subconsciente mentres durmimos, pero si que condicionan a percepción da realidade na que vivimos. As teimas polo emprego dunha linguaxe non sexista ou non discriminatorio demóstranos como as palabras que empregamos non teñen nada de neutro e que en moitos casos reproducen as desigualdades e exclusións que se dan na nosa sociedade. Na linguaxe educativa pasa o mesmo; dende os tempos da LOXSE traballábase por obxectivos: cada materia, en cada curso, tiña unha serie de obxectivos, ben delimitados, que o alumnado tiña que superar. Na actualidade estes obxectivos foron substituídos por competencias educativas, polo que o alumnado ten que ser, ao final dos seus estudos, competente naquilo que traballou. E da competencia á competitividade hai un pequeno treito, o que se observa cando se critica o sistema español porque non ten a suficiente calidade (ao que habería que engadir, suficiente calidade para competir).
Hai quen di que é posible un sistema que forme na excelencia, facendo unha aposta polo ensino de gran calidade para as/os mellores alumnas, ao mesmo tempo que incida nunha educación integradora. Non é que sexamos incrédulos, ou que nos guste disentir por chamar a atención, mais hai tamén quen di que nesta sociedade capitalista na que vivimos é posible conxugar competitividade e cohesión social (Haití é un bo exemplo desta falacia). O reto do futuro da educación está en manter a aposta (aínda que pareza que fracasou) por unha educación integradora, que fomente a cohesión social, ou por unha educación da excelencia, que no fondo é un bonito nome para insistir na educación segregada.

A segregación: malo, bonito e barato

Ninguén dubida que con grupos homoxéneos traballas mellor. Con alumnado dun mesmo nivel todo é máis sinxelo, pero fundamentalmente máis barato. Non cómpre atender á diversidade, non cómpre dotar orzamentariamente esta atención á diversidade. Na actualidade dominan estas tendencias segregacionistas: pola renda (escolas privadas), pola exclusión, pretendida ou non, de determinados grupos sociais, fundamentalmente inmigrantes (concertadas), ou mesmo os últimos desexos de segregar por linguas. Existe unha aposta non explícita por illar á realidade escolar da realidade social: formar en escolas homoxéneas nun mundo que cada vez é máis plural. A aposta por unha segregación escolar, por renda, por rendemento, por lingua, é un paso previo para afondar e reforzar a desestruturación de sociedade do futuro.

Cuantificar: entre a realidade e a ficción


Existe unha obsesión por cuantificar. Como dicían nas películas da mafia, todos temos un prezo, o único que falta é saber cal é o noso. Pero mentres non o saibamos, nós iremos cuantificando todo e a todas/os quen nos nos arrodean. Na educación pasa o mesmo: como está a educación en España? 15 (segundo PISA, a OCDE, etc.). Convertémonos en Eurovisión, xa da igual como cantemos, o importante é a nota final. Houbo un intento por mudar estes hábitos, con aqueles PA e NM da Primaria da LOXSE, mais volvemos á nota numérica na actual. O mundo éche así, o rapaz de 6 anos xa sabe que non todos somos iguais, que hai 7, 6, 5, e que hai uns máis que outros. Se isto non fose suficiente tamén os centros educativos terán que afacerse a ser numerados, e as probas de nivel comezan a espallarse por todas as Comunidades Autónomas. Co mantemento dunha baixa natalidade, mesmo os centros públicos atoparanse competindo entre si para ver quen obtén unhas notas máis altas nas probas de nivel, co que poder atraer a máis alumnado, restándollo aos outros centros da súa vila.

Mais onde a cuantificación tiña que ser máis “contante e soante”, afondamos nun mundo de ficción económica: todos queremos unha educación de calidade, cunha atención de calidade, mais abaratando o sistema. Que sexa boa pero que non me custe (ou máis ben, non quero saber nin canto custa). E de continuarmos por este camiño, coma no eido sanitario, a privatización chamará á porta.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: