Porque como xa escribiu de ti Luís Seoane hai máis de trinta anos, ti es “un cristián en comuñón co seu pobo; coma os apóstolos e os primeiros cristiáns... abourados, máis cheos de esperanza”. El non era, precisamente, alguén da clerecía, nin sequera dos que ían moito ao templo, pero era, coma ti, un home bo e xeneroso. O seu fermoso cadro do Cristo en camiseta, que che regalou nun intre dramático no que a ditadura te puxera nas listas negras dos indesexables, acompañoute moitos anos a carón da túa cama, ata que te desfixeches del para que os cartos que valía serviran a unha boa causa; unha máis de tantas nas que te mergullaches na túa vida. Non era de estrañar que o mesmo Seoane che dixera daquela: “No Deus que vostede predica, tamén creo eu”. Isto non foi para ti un fervor de mocidade, porque, como escribiu Manolo Rivas, “o paso dos anos foi facendo a este cura máis radical fronte á inxustiza”.
Eles e outros moitos bos galegos entenderon ben o que ti mesmo escribiras nunha ocasión no Outeiro de San Xusto, e tentaches facelo realidade cada día na túa vida: “O crego non pode limitarse a ser soamente sacerdote, senón que tamén debe ser profeta... Ten que comportarse non só como ministro do culto, senón ó mesmo tempo coma os profetas, que denuncian a práctica cultural establecida, cando se desentende da xustiza para o pobo” (17/X/1984). Por iso, escribiches tamén no teu Outeiro, que tanto ben lle fixo a tanta xente ao longo de décadas: “Pra min tódolos días do ano e tódolos anos da miña vida foron e han ser datas adicadas a Galiza, como home e como crego” (9/IX/1973).
Iso fixéchelo tanto como director espiritual do Seminario de Belvís, como cóengo e profesor de Maxisterio na Coruña coma noutros moitos labores. Como sabías e crías firmemente que “o máis grande que temos os galegos, a nosa lingua, é pra moitos como as follas secas, que se espera que o vento as leve a calquera recanto”, e que “dificilmente se pode dar en Galicia fe verdadeira sen galeguidade” (1/6/84), comprometícheste arreo con ela. E por iso traduciches os Evanxeos ao galego, no medio da incomprensión de tantos compañeiros da clerecía; A Palabra de Deus. Evanxelios foi o primeiro libro de SEPT, publicado no ano no que se celebrou a primeira misa en galego (1965), que ti continuaches facendo na túa benquerida cidade da Coruña, coa túa “Comunidade de vida cristiá Home Novo”. Fiches logo, con outros colegas, o Misal Galego dos Fieis, e participaches en Coloquios, Cruceiros, Romaxes, Encrucillada, Irimia... e todo o que servise para facer realidade unha verdadeira Igrexa galega, na que cres fondamente. Por iso, escribiches despois dunha das Romaxes “Que distinta sería a situación de Galicia se a Igrexa oficial fixese seu este programa non só na teoría, senón tamén na práctica!” (6/IX/1986).
Por iso tamén, fuches sempre fiel –desde 1970, ata que te deixaron...- á túa columna do Outeiro de San Xusto con verbo pacífico e tronante a un tempo, contra toda inxustiza e aldraxe a Galiza, aos galegos e aos pobres; “un espacio que me obrigou a un compromiso progresivo e cada vez máis radical con Galicia e co meu cristianismo”, como dixeches. E ti sabes moi ben a morea de apoios e tamén ataques que suscitou nos seus máis de trinta anos, porque ti nunca fuches un deses mornos que vomita o noso Señor.
Por todo iso e moito máis, moitas grazas Manuel!
Santiago, 15 febreiro de 2010