Por unanimidade aprobouse no Cúmio da Unidade de América Latina e o Caribe en Cancún, a formación dun organismo supraestatal dos países de América Latina e o Caribe sen a participación de Estados Unidos nin Canadá, que sustituirá nun futuro á Organización de Estados Americanos (OEA) organismo nos que están presentes os dous anteriores Estados aínda que non Cuba que foi expulsada por desexo expreso de Estados Unidos.
O presidente mexicano, Felipe Calderón, leu á declaración final con 87 pontos nos que trata aspectos tan diversos coma a crise financeira internacional, o comercio, a enerxía, a integración física en infraestrutura, ciencia e tecnoloxía, o desenvolvemento social, a migración, o desenvolvemento sustentábel, os desastres naturais, os dereitos humanos, e os asuntos de seguridade e cooperación Sur-sur.
O novo organismo supraestatal foi aprobado no documento, facendo a salvedade dun tempo para redactar os estatutos e regulamentos, polo que se estima que comezaría o seu labor no próximo cúmio do Grupo de Rio, en Caracas, en 2011.
O novo organismo supraestatal reunirá ao Grupo de Rio e a Comunidade do Caribe (CARICOM) e funcionará paralelamente á Organización de Estados Americanos (OEA), criticada unanimemente polo seu papel de teórico gardián da democracia rexional e dos seus infrutuosos esforzos por reverter o golpe de Estado en Honduras.
Desde esta segunda feira os presidentes e representantes de 32 Estados de Latinoamérica e o Caribe mantiveron este cumio coa finalidade de chegar a esta institución supraestatal que drrubara o manexo interesado de Estados Unidos.
Na primeira xuntanza entre México e o Caricom (Comunidade do Caribe) destacouse a participación do presidente de Haití, René Préval, quen solicitou unha gran alianza internacional que axude aos millóns de persoas que quedaron afectadas polo terremoto do pasado 12 de xaneiro.
Doutra banda, a presidenta arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, logrou o respaldo de todos os Estados presentes da rexión ao seu país, que mantén unha histórica disputa con Gran Bretaña pola soberanía do arquipélago das Malvinas.
O Goberno arxentino reaccionou nas últimas semanas tras coñecer as intencións da empresa Desire Petroleum de comezar a realizar exploracións de petróleo nas illas. Cómpre lembrar, o nefasto papel dunha institución supreastatal coma o Tratado de Rio, TIAR (Tratado Interamericano de Asistencia Recíproca) na pasada guerra das Malvinas e a utilización e colaboración de Estados Unidos coa Gran Bretaña faltando ás súas obrigas no TIAR, Tratado por erto asinado por todos os Estados americanos por inicitaiva do propio Estados Unidos.
No Cúmio asinouse unha declaración conxunta para rexeitar as actividades británicas petroleiras nas Malvinas.
As 11H45 locais (18H45 hora galega) rematou oficialmente o Cúmio da Unidade de América Latina e o Caribe.