Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
OPINIÓN

Chávez, ETA, FARC

O xuíz da Audiencia Nacional española, Eloy Velasco, procesou hoxe segunda feira, 1 de marzo, a varios membros de ETA e das FARC por colaborar para atentar contra altos cargos colombianos no Estado español e afirmou que hai indicios da "cooperación" do Goberno de Venezuela na alianza dos dous grupos terroristas.  

Xurxo Martínez Crespo - 16:33 01/03/2010

Non deixa de ser unha campaña, mal argumentada e por uns cantos inxenuos acreditábel, crer que o goberno bolivariano teña unha relación especial de protección, nen cos guerrilleiros das Farc nin cos membros de ETA que distintos gobernos socialistas franceses e españois depositaron en Venezuela dende Francia a principios dos 80 e dende Alxeria en 1988 e 1989.

Acusar o goberno de Chávez de cooperar nunha alianza internacional entre grupos armados é tan peregrino como culpar o Goberno socialista de Felipe González ou de François Miterrand desa mesma alianza por envialos a Venezuela.

O "acubillo" e liberdade de membros das FARC e do ELN en terras venezuelanas é unha tradición de todos os gobernos venezuelanos que dende 1959 se sucederon. Moitas son as interpretacións sobre esta falta de control (na entrada, estanza e saída) a estes membros de grupos revolucionarios armados.

Hai quen asegura que o conflito interno en Colombia favorecía á política venezuelana cara a Colombia, sobre todo polas reclamacións territoriais colombianas na península da Goajira; un Estado débil internamente non podía ser forte externamente. Outros aseguran que a liberdade que gozaban en Venezuela membros das Farc e do ELN vacinaba internamente a Venezuela ante calquera posibilidade de conflito guerrilleiro interno importado de Colombia. Só as AUC, de extrema dereita, violentaron esta paz interna en Venezuela mediante o secuestro, a extorsión ("vacuna") e o roubo a venezuelanos.

Os ex militantes de ETA residentes en Venezuela levan máis de 20 ou 30 anos neste país. Uns na empresa privada, outros na administración pública como é o caso do procesado polo xuíz Velasco, Arturo Cubillas, quen está casado cunha cidadá venezuelana e el mesmo se nacionalizou ao non ter nen antecedentes penais nen ningunha orde internacional de arresto ou captura por parte do Estado español durante estes máis de 20 anos residindo en Venezuela.

O Goberno de Chávez foi o único en entregar ás autoridades españolae refuxiados bascos, incluso mediante métodos pouco ortodoxos coma o secuestro de Bittor Galarza; secuestrado pola policía venezuelana cando levaba ao seu fillo ao colexio. Internado antes de ser enviado ao Estado español foi interrogado en éuscaro, en dependencias policiais venezuelanas, por policías españois.

A finalidade da pena, en sistemas penais de Estados de Dereito, é a reinserción do penado, non vivimos en Afganistán nen no Sudán. No caso dos ex membros de ETA, “depositos sen xuros” en Venezuela polo mesmo Estado español que os persegue sen perseguilos, vemos como despois de máis de 20 anos sen abandonar o país, non fan falta probas da súa inserción na vida venezuelana, país no que casaron, tiveron fillos e se insertaron na vida económica, administrativa e política pública e privada.

Que algún dos deportados decide continuar coa loita armada, fóra de Venezuela, nada ou pouco ten que ver co presidente venezuelano ou cos outros refuxiados que viven en Venezuela, as súas vidas e as súas familias. Ninguén culparía a un presidente de goberno ou a un ministro de Xustiza pola non reinserción dos ex presidiarios. Ninguén culparía ao lehendakari López por ter membros de ETA na súa autonomía.

O único goberno venezuelano que non recibiu oficialmente ao colectivo de deportados vascos (como chamalos senón) en Venezuela foi o de Hugo Chávez. Si o fixeron os ex presidentes Rafael Caldera e Carlos Andrés Pérez.

Os venezuelanos, así como todos os latinoamericanos, non deixan de verse nese triste espello que é o da persecución, máis mediática que real, da xustiza e prensa española dentro dos seus asuntos internos, asuntos por certo, que de externos pasaron a internos a petición dos gobernos socialistas españois e franceses.

Lembrar que este ano se cumpren dous séculos da independencia de Latinoamérica, por parte duns “asasinos”, “terroristas” e “traidores” chamados Bolívar, Sucre, Miranda, O’Higgins, San Martín, Artigas, Martí...


4,29/5 (7 votos)