A asociación xuvenil Ortigueira Rock convoca os grupos da zona a enviar temas para un disco que se distribuirá en internet.
Nin un chico furado para roqueiros, cantautores ou jazzeiros que espremen a súa creatividade aló polo norte do país. Así se laian desde a Asociación Xuvenil Ortigueira Rock, criticando que nin sequera local se lles facilita aos grupos para que poidan ensaiar, malia que bandas municipais de música ou agrupacións de música tradicional si que contan con ese servizo. Por riba, as programacións oficiais a miúdo privilexian a grupos de fóra.
Nese contexto, desde os propios grupos collen o temón da iniciativa e así xorde desde a asociación que leva xa seis anos botando adiante o Ortigueira Rock a idea de elaborar un disco que peneire un conxunto de propostas de grupos locais. Deica finais de marzo permanece aberta a convocatoria destinada a grupos xurdidos nos concellos de Ortigueira, Mañón, Cerdido, Cariño, O Vicedo, Viveiro, Cervo, Ourol, Xove, As Pontes, Cedeira, Moeche, Valdoviño, As Somozas, Fene, Ferrol, Narón, Neda e San Sadurniño. Unha proposta que espera recibir pezas de todo tipo de estilos, do folk ao metal, pasando polo jazz ou o funk. O disco vaise distribuír de balde e a través de internet. O obxectivo é "loitar contra o esquecemento e a falta de oportunidades" que sofren os grupos musicais do norte do país, "onde apenas hai salas de concertos ou locais de ensaio" e o apoio institucional é "nulo". Tamén coa fin de estimular a aparición de novos grupos que se unan ao crecente empuxe de bandas como La Tribu, de Ortigueir, Punk Z, de Cedeira, ou Membrillo Fanegas, de Fene, entre moitos outros.