Creo que a primeira vez que detiveron a Manuel Espiña Gamallo foi no aeroporto de Barajas polos anos 60. A escena é conmovedora: días de vacacións nos que adiñeirados turistas europeos conflúen en Madrid con destino a Ibiza, Marbella, Benidorm... Por outro lado centos de emigrantes galegos veñen pasar uns días coas súas familias despois dun duro ano de traballo en Suíza, Francia, Alemaña...Vía libre e toda clase de atención para os turistas e desprezo e esquecemento para os nosos inmigrantes, amoreados nun recuncho, durmindo no chan e xantando o que traían na equipaxe. Ao cura Manuel Espiña removéronselle as entrañas e improvisando unha tarima con varias maletas chama á rebelión e á subversión a aqueles galegos que "mantiñan o país co seu sacrificio" e eran tratados coma gando en vagóns de mercadoría.
Unha década despois o ministro de Franco, Fraga Iribarne, acaba coa emisión da Misa en Galego, radiada desde o Convento das Capuchinas da Coruña, seguida por moita xente non só pola lingua senón polo ton crítico das homilías de Espiña. Unha delas custoulle unha multa de 200.000 pesetas daquel tempo. Funcionou a solidariedade. Luís Seoane regaloulle a pintura "Cristo obreiro" para que a vendese e puidese pagar a multa: "No Deus que vostede predica, tamén creo eu" díxolle Seoane. Non foi necesario, centos de amigos reuniron os cartos. O "Cristo Obreiro" de Seoane vendeuno hai poucos anos á Fundación Caixanova; os cartos foron para outra loita na que tamén andaba Fraga Iribarne: o pelotazo dos terreos de Bemposta en Ourense. Espiña dooulle ao padre Silva o diñeiro do cadro.
O 28 de febreiro, Espiña faleceu en Pontevedra a causa dunha dura enfermidade chamada ELA. A penas un xornal daba conta do seu pasamento na mañá do enterro de quen colaborou durante anos cos Outeiros de San Xusto no diario de maior tirada, Outeiros que emprestaba a outros amigos para que puidesen denunciar e berrar contra calquera tipo de inxustiza, Outeiros que deixou de escribir cando desde a dirección do xornal empezaron a chegar "avisos" e recortes nos anos 90.
Do que máis orgulloso estaba Espiña foi do seu compromiso coa lingua e , dos 32 anos de profesor universitario, desde 1965, todos foron impartidos en galego. Débenselle a el as primeiras traducións ao galego dos Evanxeos e do misal e numerosas publicacións en defensa da lingua e da cultura do noso pobo. Contaba con chanza cando o cardeal Suquía lle dixo que se deixaba de escribir "esas cosas" entraría na terna para bispo auxiliar de Santiago. Espiña contestou que non se vendía por unha mitra. Nos anos setenta presidiu as Xornadas Patrióticas Galegas na Arxentina e no Uruguai e funda na Coruña a comunidade de base "Home Novo". Foi membro do Consello de Redacción da revista Encrucillada durante 30 anos, e colaborador de Irimia e das Romaxes de Crentes Galegos. Tíñalle especial querenza a Irmandade Moncho Valcarce, da que era vicepresidente; foi un gran amigo e valedor do cura das Encrobas.
Espiña naceu o día da Patria de 1933 en Folgoso, Cerdedo, nas mesmas fragas que viron medrar un neno cun compromiso inesquecíbel para o país: o padre Sarmiento.
Pecho esta crónica apurada. Na radio escoito a Núñez Feijoo desde Roma; vai visitar o Papa e insiste en acabar co galego, e vexo a Espiña subido nun estrado de maletas de emigrantes galegos, berrando o orgullo de ter unha patria e unha fala.