Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
BUREAU VERITAS E NORFOR, UNHA NOVA FRAUDE NA CERTIFICACIÓN FORESTAL

FEG solicita a paralización da certificación forestal de NORFOR

Bureau Veritas, empresa adicada á certificación, vai conceder a NORFOR o certificado de xestión forestal sostible baixo os criterios da organización internacional Forest Stewardship Council (FSC), un sistema de certificación que gozou de gran recoñecemento e que foi apoiado polo movemento ecoloxista pero que na actualidade está a caer no desprestixio como consecuencia dunha desastrosa xestión que permite a certificación fraudulenta de empresas moi afastadas da xestión forestal sostible como NORFOR

Federación Ecoloxista Galega (FEG) - 13:34 09/03/2010
Tags:

Esta empresa xa tiña estado en posesión deste certificado que se lle concedeu de forma irregular en 2004 e despois dun longo proceso de denuncias e reclamacións do movemento ecoloxista foille retirado no ano 2008. Agora,

NORFOR, en complicidade con Bureau Veritas, ten ideado unha artimaña para tentar de obter de novo o certificado; para isto, ten seleccionado un pequeno grupo de parcelas, aproximadamente a cuarta parte das que xestiona e que presentan o mellor aspecto para, despois de sometelas a un maquillaxe, certificalas e poder dispoñer dun selo que os mercados esixen cada vez máis.

A empresa forestal NORFOR, filial de ENCE, xestiona 12.000 hectáreas de plantacións de eucaliptos en Asturias, Cantabria e en Galicia, onde se atopan a maioría. A xestión forestal desta empresa ven sendo denunciada dende hai anos e dende diversos ámbitos polas súas malas prácticas que causan graves danos no eido ambiental, social e económico.

NORFOR ten sido denunciada polos prexuízos causados aos ecosistemas; as técnicas de plantación e tala masivas provocan unha forte erosión que degrada os solos, reducindo a súa fertilidade e capacidade para soster vexetación e, eliminando a materia orgánica que conteñen, contribúese a incrementar os gases de invernadoiro xa que esa materia orgánica termina por oxidarse a dióxido de carbono, principal gas de invernadoiro. A empresa adícase ao monocultivo de eucalipto que implanta nas parcelas que xestiona aniquilando calquera tipo de diversidade biolóxica e mesmo formacións vexetais protexidas pola directiva Hábitat como diversos tipos de  mato.

A empresa utiliza de forma masiva agrotóxicos que provocan un inmenso dano no medio natural e afectan a posibles recursos do monte aparte da madeira; o uso de herbicidas, sustancias de alta toxicidade, destrúe o alimento de todo tipo de herbívoros e mesmo de especies de interese cinexético, o que ten dado lugar a denuncias contra NORFOR dende asociacións de cazadores. O uso de insecticidas aplicados de forma inespecífica e dirixidos a combatir as pragas que afectan ao eucalipto actúan sobre todos os artrópodos aniquilando a fauna destes animais e afectando gravemente á actividade apícola xa que estes agrotóxicos tamén constitúen un veleno para a abella melífera. Por outra parte o interese social da actividade desta empresa é ben escaso. A nivel laboral ofrece emprego da peor calidade e economicamente ENCE utiliza esta empresa para, xunto coa importación de grandes cantidades de astilla de madeira de eucalipto de África ou Sudamérica, afundir o prezo da madeira de Galicia, feito que ten sido denunciado polos produtores de madeira galegos.

Sería larga a lista de aspectos negativos na xestión forestal de NORFOR que fan que a súa actividade sexa incompaltible co certificado do FSC. O proceso de certificación que está levando a cabo Bureau Veritas, implica contrastar o cumprimento dos 10 principios nos que se fundamenta a certificación de plantacións. O incumprimento dalgúns deles é demasiado claro como para que se poida, razoablemente, conceder o selo.

Á vista da fraude que Bureau Veritas pretende perpetrar certificando a xestión forestal de NORFOR a costa de degradar o prestixio do FSC, que foi e podería seguir sendo unha valiosa entidade de fomento da xestión forestal social e ambientalmente responsables, a Federación Ecoloxista Galega quere denunciar publicamente este engano e chamar a atención sobre a necesidade de terminar en Galicia coas prácticas de xestión forestal que, como ocorre no caso de NORFOR están a degradar ambiental, económica e socialmente os nosos montes e áreas forestais destruíndo solo fértil fonte de recursos e biodiversidade.

A FEG ten enviado aos órganos de dirección do FSC un escrito indicando a urxente necesidade de frear o proceso de certificación de NORFOR por incumprimento dos principios e criterios que soportan o sistema de cara a conseguir a reforzar o recoñecemento social do sistema de certificación e o seu papel como instrumento de boa xestión forestal.


4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: