Satisfacción pola alta calidade das trinta maquetas recibidas. A final disputárona Belöp, Willy Naves e Bongo Experience.
Directos intensos. Belöp, Willy Naves e Bongo Experience axitaron o escenario musical a pasada fin de semana en Arzúa na cita máis pequena dos eventos musicais programados, pero non menos animada, desta Feira do Queixo.
Bautizado "Queixo Maketón", o concurso resolveuse coa decisión do xurado unánime en favor dos vigueses Belöp. O xurado quixo destacar a "incrible calidade" dos tres directos, mais decantouse por valorar especialmente "a orixinal posta en escena" e o "estilo fresco e innovador" da banda galega.
Belöp son Fabio, voz r guitarra; Calia, batería e David, baixo. A banda naceu en decembro de 2007 e en xaneiro botaron á luz a súa primeira maqueta, titulada ‘Sometimes people need something like this’. Un ano despois, unha nova maqueta con tres temas, 'Dancing with a purple octopus', que consideran o seu primeiro "traballo serio". Desde entón acumulan concertos en Barcelona, Madrid, Santander ou Xixón. Xa recibiran o premio Maketón Estrella Galicia 2009 á mellor banda do ano.