Dende o intre mesmo en que a crise de finais do 2007 se converteu na Gran Desfeita do século, foron agromando aquí e acolá as voces da ortodoxia neoclásica-keynesiana ladrando contra o demo do libre mercado, a quen culpaban de tódolos males que nos viñan enriba. Levaban décadas ó agache, agardando que rebentara todo para poder sacar a cabeza dos tocos académicos e ministeriais, e berrar aquelo da miña e tódalas nais “¡Estívoche ben! ¿Viches? ¿Non cho dicía eu?” A min as súas contas non me cadraban, porque botarlle as culpas de todo ó libre mercado cando en tódalas economías occidentais o peso do gasto público anda preto do 50% do PIB parecíame unha comenencia de xente con pouca catadura moral ou intelectual. Ou ámbalas dúas á vez.
Diante miña tiña as consecuencias: Un regueiro incesante de quebras empresariais e milleiros de traballadores viaxando cara a ningures. Alén da diminución da cifra de negocio e beneficio, o estrangulamento financeiro aparecía como factor decisivo en case todos os peches patronais. De socate, os bancos xa só tiñan cartos para quen non llos pedía; o resto deles precisábanos para recompoñer os balances de seu, enfermos de productos derivados e activos sobrevalorados. ¿E logo como un sector tradicionalmente tan serio e cabal chegou a tales estremos? Pois seica que por mor dunha competitividade exacerbada, que os fixo caer nas redes da especulación mais frenética e arriscada que se teña visto; e por fallos na regulación do sector, que propiciaron o nacemento de chigres financeiros fóra de calquera tipo de control. Toleounos o aire viciado do libre mercado. Ou eso foi o que nos contaron os gurús do keynesianismo redivivo. E morra o conto.
Claro que, se un sigue remontando o río da historia, resulta que no ano 1999, en plena crise das punto.com, o señor Bush gañou a Presidencia dos USA e como lle interesaba unha recuperación a lume de carozo, optou por unha política de carto barato que mantivo durante os seus dous mandatos –a tanto foi a cousa que, no ano 2007, a base monetaria dos USA dobrara xa a cifra de 1994-. Nese ano 1999, cunha taxa de aforro do 2% e un investimento do 15%, a lóxica económica suxería un alza nos tipos de xuro norteamericanos, para estimular o aforro interno, moderar o crecemento da burbulla inmobiliaria e frear a especulación nos mercados financeiros. Porén, trunfou a lóxica política, que cobizaba manter a economía boiante para enfrontar con garantía os seguintes procesos electorais. E aquel maná crediticio deu no que todos sabemos, do que é mal.
O republicano Bush accedeu ó poder grazas á crise do 99, e perdeuno pola de 2007, que el mesmo alimentou, a cal propiciou o trunfo do demócrata Obama, que comezou xa a poñer os cimentos da seguinte. A Política vai por un lado e a Economía por outro. Entremedias nós, temperando da vida.
Os bancos din que non teñen diñeiro "corrente" para emprestar. Eu teño catro cadelas no banco, gardadas para unha enfermidade. O soldo que gaño faime boa falta para ir tirando, e as veces non abonda. Resulta que me cobraron 14 euros por ter unha tarxeta que uso para ir sacando o diñeiro que preciso. Fun a outra entidade bancaria coa idea de abrir unha conta e traer ese diñeiro para ela. A moza que me atendeu díxoma que se quería unha libreta tiña que pagar 14 euros ao ano por ela, e se quería una c/c que me cobraban 20 euros. ¡ Manda carallo, que me cobren por meterlle alí o pouco diñeiro que teño¡ Mágoa que é tan pouco que non me chega para comprar un coche novo e tirar o que teño, que xa ten perto duns vinte anos. Ao mellor un día saco o diñeiro do banco e metoo nun garrafón na adega, alá na aldea.-
¿Pero realmente é vostede militante do BNG? E que se lle nota unha deriva no discurso un chisco perigosa...
Ha ser das pírulas, condedelrio. O día que me esquezo de tomalas, xa ves no que da. Pero cando as tomo, vou temperando.
Ben, e os gaños especulativos, onde paran? Como sempre, esquécemos o máis importante: este sistema económico prima a acumulación de capitais monetarios e financeiros. O lugar: os paraísos fiscais. Pero é que nin vonMises, xa non digamos monseñor Obama, se lembra do asunto. Van ser as pílulas de marras que afectan a memoria anterógrada.
Unha política keynesiana anticiclica (aumento do gasto publico e baixada de impostos) en épocas de bonanza produce unha burbulla que sempre acaba por estoupar. Mais iso non é keynesianismo, iso é Reeganismo. Keynes avogou pola intervención niveladora do estado rente os ciclos económicos, si a un ciclo de expansión económica lle xuntamos unha política pública de aumento do gasto é diminución de impostos pos o final pasa o que pasa, pero non lle botemos a culpa o Keynes. No fondo de toda esta loucura de política inaugurada por Reegan latexa a decadencia dos USA como gran potencia económica mundial, e é que por moito banco moita garabata, moito enxeñeiro financeiro e moita oficina con vistas no piso catrocentos trinta, como nos baixos non haxa xente currando nun almacén o resto é aire. (isto non é keynesianismo, aprendeumo miña aboa).
Bom artigo, tranqui é reaganismo, sim mas também zptismo,ou seja politiquismo, o défice é mui bonito o gastas ti e o paga outro, é a economía democrática.saudos,
grazas pola corrección, xa vexo que hai que se acorda e ata o bota de menos (i é que hai xente pa todo).
#2 Condedelrio, este José Luís é como é que ata se chama José Luís.
Seica pensas que os do Bloque son todos cadrados e uniformes como os bloques de pedra?
A xente que se esquece de tomar as pirulas de cando en vez e é un chisco perigosa dálle máis vida ao partido.
Parabén Jose Luís.
#8 Barcelos, tamén a min me gusta que haxa variedade. Era para meterme con el.
Estar estívolles ben; pero...estívonos ben? (algho tamén).
E tómame a medicación, que senón xa ves o que pasa, raio!
José Luís Sucasas Fernández naceu en 1959 en Cadrón (Lalín). Economista e enxeñeiro técnico informático, concorreu en 2003 e 2007 nas listas do BNG do seu municipio. Como escritor publicou dúas obras: O paxaro que ninguén ve (2002) e Soñaron buratos na terra (2003).