Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Problema cíclico

10:50 12/10/2007

O problema do profesorado interino é cíclico. Interinidades vainas haber sempre. Outra cousa é canto abusa a Administración deste tipo de postos. Xa a finais dos anos setenta (coas famosas restrinxidas), e antes ao longo do franquismo, houbo que lle buscar unha saída excepcional.

De novo nos oitenta o número de interinos aumentou enormemente. Non chegou a acadar as dimensións dos últimos anos da ditadura, mais o colectivo de PNNs adquiriu un papel importante no ensino público. Este conflicto produciuse canda as mobilizacións sindicais a prol da homologación salarial (os sexenios famosos). Máis unha vez unha situación conflitiva permitiu que este colectivo acadara moito peso (aínda que non tanto) na mesa de negociación. A saída para esta ocasión non foi tan excepcional; con todo, si bastante beneficiosa. Lembrades aquel “con un 3 praza tés; con un 9 non a ves”? Proclama demagóxica (e tanto!), pero sintética.

Precisamente en Galiza houbo unha considerábel resposta a este modelo de oposición incluído como Disposición Transitoria na implantación da LOXSE. O COLIDIGA constituíuse para denunciar un modelo que deixaba en franco fóra de xogo aos licenciados e licenciadas en paro. Nel coincidiron teimudos antiinterinos con xente que se viu desprazada nun momento determinado da súa vida por razóns alleas á súa propia vontade, cousa que xeraba bastante frustración. O que nun primeiro momento parecía algo estruturado de xeito racional (pedíase unha reserva de prazas para libres compatíbel coa oportunidade que merecía o profesorado interino, e sen demérito da súa estabilidade) derivaría posteriormente nun “abaixo os interinos” e tamén nun “e do meu que, che?”. A paralización das Oposicións do 92 e a posterior reelaboración das listas en base á Oposición do 91, a partir da última persoa que traballara, introduciu unha dinámica viciada que marcaría a fin deste movemento asembleario.

Nos 90, a inestabilidade fíxose algo habitual. Unha inestabilidade ponderada, mais inestabilidade á fin. En Galiza, e noutras comunidades, a lista refacíase a partires da última persoa que traballara. Pero ese posto dependía das necesidades de cada ano. No MEC reelaborábase completamente en base á oposición. Eran especialmente temidos os “blosques” (bloque I. encerrona aprobada; bloque II: encerrona suspensa; bloque III; sen pasar á encerrona). As mobilizacións habidas ao longo dos 90 foron suavizando esa draconiana tesoira opositora. Con todo, sempre estamos a falar de inestabilidade, á que se ían sumando os licenciados e licenciadas en paro que non superaban o concurso-oposición.

Encirrando nos mozos
Aqueles que estando fóra o vían todo claro: “os interinos acomódanse e non queren dar o callo”, ían mudando a súa opinión ao incorporarse ao colectivo. O primeiro ano que traballabas víaste todo ilusionado e estudabas para superar o que estabas convencido ía ser unha situación transitoria. Mais a teimuda realidade parábache os pes. Obviamente nunca había as prazas suficientes para tanta persoa con “tanto ánimo”. Os anos ían deixando a súa pegada e o desánimo comezaba a agromar. Con esta afirmación non pretendo xulgar a ninguén (nin a min mesmo sequera, que estiven oito anos nesa situación). Mais ese é o frustrante sentimento que pouco a pouco vai dominando a paisaxe emocional. Todos queremos gozar dunha oportunidade. É xusto. E a miopía da Administración, amarrada coma ela soa, non foi quen, no seu momento, de artellar os intereses duns e outros.

Se non se nos ocorre botar á rúa a experiencia de obreiros cualificados que levan anos facendo o seu traballo, se non prescindimos de médicos, enfermeiros, persoal da administración, etc., que desenvolven o seu labor interinamente durante moito tempo, por que no caso do ensino callou tanto a mentalidade do quítate ti, que quero entrar eu? A dereita, e non só a dereita, amiguiñas e amiguiños, encirrou moito a mozos e mozas para desacreditar o labor sindical con parvadas ocorrentes. Porén, ao entraren a traballar, moitos ben que se afiliaban. E algúns recollían proveito dese labor “axitador”.

3,11/5 (9 votos)


Comentarios (3)

sozinho #1 14/Outubro/2007 sozinho
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Gustoume o silencio toureiro con respecto ás últimas oposicións. Cargarse a parte práctica e permitir que os inspectores inflen as notas non é o único xeito de recolocar interinos. E se o é, é que realmente non daban o callo. Eu coñezo interinos moi competentes dun ou dous anos traballados que (inda) non teñen nada que facer, sen embargo, había que dar moi pero que moi pouco para pasar con sete anos traballados. Por outra banda, non coñezo ningún libre que entrase. Inda que isto é a miña impresión subxectiva, a desigualdade de oportunidades é obxectiva. Esta non se destrúe facendo concurso-oposición, pero si desvirtuando a fase oposición como se fixo. Aquí non funcionan as esquerdas e as dereitas, a non ser que aceptemos que a esquerda se pode permitir menos categoría académica, o cal négome a aceptar. Isto é un caso de mal funcionamento de sindicatos e goberno que levou á cooptación. Unha vergoña!

Maiakovsky #2 16/Outubro/2007 Maiakovsky
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Bon, sería algo positivo para o debate que aclarásedes cal é a diferenza entre un 'interino' e un 'sustituto'. Eu teño un amigo que tras sacar un 8 e pico de nota este ano seguirá traballando de sustituto cando o chaman nas listas (nada de interino), e ao que os novos cambios de baremo o perxudicaron notoriamente.

Porque qué demo é iso das interinidades? Ou hai prazas libres a convocar por concurso-oposición libre, ou hai prazas que polo que sexa non se puideron encher e por necesidades temporais que xurden que se deberían encher con sustitutos. Mais un estadio intermedio de 'semicolocados sen aprobar a oposición' non o entendo en absoluto. E menos aínda que por mera presión do colectivo, que evidentemente defende os seus intereses, consiga que convoquen unhas oposicións 'á carta' para estabilizalos a eles.

Sen dúbida, ter unha práctica docente é algo que debería sumar puntos á hora dun corcurso de oposicións. Mais unha cousa é sumar, e outra que se caciquee, eliminando probas máis democráticas, como a práctica, e restando valor a outros méritos. Máxime cando en teoría, eses interinos, que están todo o día traballando co material que se lles vai esixir nas probas, deberían estar aínda máis preparados por iso que os demais...

sozinho #3 16/Outubro/2007 sozinho
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Un 8 tivo que ser na oposición, non no concurso-oposición, onde podería ter un 6 como moito (a non ser en Latín, que entraban só con moi boa nota). Ben, se entendín a pregunta a resposta é clara: a lista é de interinos-substitutos, os substitutos son os que quedan máis abaixo na lista, pero consérvase a lista de anos anteriores, polo que a nota deste ano non se ten en conta máis que nos poucos casos que entren a substituír por primeira vez este ano.
Saúdos e paciencia.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete