Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Postdemocracia e eleccións

12:15 26/02/2008

Unha das características das democracias actuais (ás que Colin Crouch denomina baixo o termo postdemocracia) é a globalización dos intereses empresariais fronte á fragmentación dos intereses dos cidadáns. A capacidade de presión dos grupos empresariais é moi alta, contan con enormes cantidades de diñeiro para lograr os seus obxectivos e ameazan os gobernos se non atenden as súas peticións. Condicionan e determinan, a miúdo, a axenda pública.

Paralelamente a este proceso sectores da cidadanía fóronse desprazando ao ámbito dos movementos sociais en pro de causas concretas á vez que van desestimando a participación política electoral e aumentando a súa desconfianza cara aos partidos tradicionais, particularmente, no ámbito ideolóxico da esquerda, máis críticos e desconfiados. Á súa vez, os partidos de esquerda cando gobernan recean das actuacións destes grupos e aumenta a espiral de desconfianza mutua (Tal como sucedeu hai uns días coa manifestación de Galiza non se vende e as respostas de membros do goberno bipartito e de dirixentes de partidos que apoian o devandito goberno sobre a manifestación).

A desilusión, a frustación -cando non o aburrimento- e o aumento da desconfianza cara á política vaise apoderando de sectores cada vez maiores da poboación e afecta á participación, principalmente os prexudicados son os partidos de esquerda, segundo puxeron de relevo a grande maioría dos estudos electorais que se realizaron en España, aínda que o fenómeno é común á grande maioría das democracias do noso ámbito.

Intereses minoritarios e acción colectiva

A percepción de que os intereses de minorías poderosas contan máis que os intereses do conxunto da cidadanía (por outro lado de grande heteroxeneidade social) fai que diminúa o interese no proceso político e non se acuda a votar pero desta forma o que facemos é colocar os partidos de esquerda en posicións de debilidade ante os grandes intereses. O activismo dos movementos sociais non pode desprezar a importancia da participación electoral sen que iso supoña renunciar a outras formas de participación política non electoral e a esixir aos gobernantes que favorezan a deliberación cidadá fomentando institucións intermedias e espazos públicos de debate que garantan unha participación real e efectiva.

É contraditorio -baixo o meu punto de vista- realizar unha activa participación política que permita influír puntualmente en decisións dos gobernos e renunciar, non obstante, a influír a través do voto na política institucional, permitindo - e non é retórica-, coa abstención, que a dereita gañe as eleccións. Máis alá das similitudes e coincidencias que poida haber entre os programas dos partidos que compiten con distinta orientación ideolóxica - as campañas, a miúdo, tratan de resaltar diferenzas programáticas cando son parecidas á vez que ocultalas cando son radicalmente distintas- existen, aínda, importantes diferenzas baseadas en concepcións distintas sobre a sociedade e o poder.

Vitimización ou responsabilidade
Para a dereita, especialmente, esta dereita neocon, o seu principal obxectivo é a defensa do mercado que leva consigo a redución do papel do Estado á súa mínima expresión mediante a privatización (inclúe pensións, sanidade, educación- a Comunidade de Madrid é hoxe o seu modelo a seguir); a esquerda, a pesar dalgunhas concesións, mantén a defensa do papel do Estado como elemento esencial para o benestar social, mantén e desenvolve o sistema de protección social e a creación de novos dereitos de cidadanía e dereitos territoriais (reformas estatutarias, reforma da Constitución, reforma do Senado).

Todos temos algo que ver na construción do presente e na configuración do futuro; todos temos a nosa responsabilidade, a vitimización delega esa responsabilidade individual cara a outros. É necesario participar, tamén co noso voto. Votemos nas próximas eleccións opcións de esquerda. Tempo haberá de exercer a crítica construtiva.

4,65/5 (17 votos)


Comentarios (5)

Calidonia #1 26/Febreiro/2008 Calidonia
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Obvia o Sr. Rego que a única cousa que fai razoar e rectificar ás opcións políticas de esquerdas son os castigos nas urnas. Con que...

Carballo #2 26/Febreiro/2008 Carballo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Estou de acordo co artigo no sentido de que se aceptamos as votacións como forma de seleccionar aos nosos representantes tamén creo que se os actuais partidos non son merecedores da nosa confianza. Entendo que debemos votar aínda que non metamos ningunha papeleta no sobre. É dicir votar o que se di "en branco". É unha opción tan democrática como o votar a un partido determinado.

En Ferrol e debido ao problema de Reganosa, o BNG perdeu a catro dos seus concelleiros. Case nada. Moitos dos seus votantes fóronse ao PSOE e o resultado foi que cando se lle pediu ao alcalde Sr Irisarri que movese ficha no caso de Reganosa respondeu, algo empalago, que el tiña a forza dos seus votantes xa que logo estaba lexitimado para facer o que lle daba a real gana.

Non comparto a idea de votar, a pesar de todo á esquerda para frear á dereita. Agora mesmo nin uns nin outros merecen o voto aquí en Ferrol. Eu votarei en BRANCO.

ecoe #3 26/Febreiro/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A capacidade de presión dos grupos empresarias foi SEMPRE ALTÍSIMA, coido que non é de agora. Polo tanto qué pasou de diferente que AGORA RECENTEMENTE desatou o seu diaño? (Tal vez o abatimento interno fundamentalmente da URSS, ...?)

Quenes rexeitamos participar no reformismo do capitalismo estamos anticipando o único futuro democrático posible.

lourentia #4 27/Febreiro/2008 lourentia
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Concordo co señor Rego en liñas xerais, aínda creo que tamén as urnas teñen que servir de castigo para os que se esquecen do seu electorado. Parabéns polo artigo.

eirovello #5 27/Febreiro/2008 eirovello
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Nun sistema capitalista os proxectos políticos transformadores desactívanse, en boa medida, ao chegar ao poder. Eu tamén estou algo desencantada ao observar como se dilúe a ideoloxía de esquerdas e nacionalista no goberno galego. Pero estou convencida de que a solución non é a abstención ou o voto en branco. Temos que votar ao partido que nos sexa máis próximo no eido ideolóxico ao mesmo tempo que participamos dos movementos sociais transformadores. O feito de votar nunha “democracia” capitalista non nos desactiva politicamente. Hoxe cun goberno “de esquerdas” a cidadanía está máis viva que cando gobernaba a dereita españolista. Un exemplo é Galiza Non Se Vende, un movemento plural que empregando a rede, e dende o local, revírase contra un capitalismo global que o goberno non é quen de enfrontar.
Precisamos que a esquerda nacionalista este no goberno aínda que se nos antolle reformista. Non deixedes que volva a dereita, nin deixedes de loitar.

Concordo con Rego, votar sen desactivarse políticamente.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: