Un día xa non sei cando soñei que facía a descuberta científica da miña vida. E fora por un casual, coma todos os grandes avances da ciencia. Estabamos o eminente filólogo Fernando Pío de Ana e mais eu baleirando unhas pintas no Currás –algo así coma o café Xixón no Madrid dos sesenta- e puxémonos a facer operacións alxébricas no aire: Pío escollía unha cifra ó chou, multiplicábaa por tres e dábame o resultado; logo eu collía o resultado, dividíao tamén por tres e comunicáballe o número resultante. Nun principio, e como era de lei, a cifra antes de facer a súa operación era a mesma que a resultante de facer a miña. Pois ben, co paso das cervexas a cousa púxose fea e xa o meu final non coincidía co seu principio. Ata que nalgún intre o vin claro, e exclamei : ¡A chave do raio, Pío! ¡Acabamos de dar co punto G da Teoría Económica! O pobre Pío, apampado, só acertou a dicir ¡Se ti o dis...!
Xa sentados, e sobre un pano de papel e cun bolígrafo emprestado polo taberneiro, debuxeille dúas curvas enlazadas, unha coa barriga cara arriba e a outra con ela cara abaixo, e díxenlle que o que descubriramos era a ecuación que calculaba por adiantado os puntos vértice das parábolas, é dicir, alí onde as curvas cambian de sentido. Grazas a esta ecuación, querido Pío, imos poder anticipar os movementos do ciclo económico, tanto as crises coma as recuperacións. ¡ímonos encher de cartos...! venderemos un chisco antes da cima da costa e mercaremos un chisco antes do fondo da baixada. Pinta ben o asunto..., dixo Pío, pero imos a medias ¡eh! ¡Curri! ¡Anda, ponnos outros cacharros!
Logo, chegaron o Nóbel -proposto por Jotximin, un comentarista de Vieiros que se fixo rico de golpe-, as conferencias en Cambridge e Massachussets e os manuais de Economía, onde se lle adicaba todo un capítulo a Sucasas-Pío, descubridores do punto Gz do ciclo económico –o z engadírase por mor dunha subvención da Consellería de Industria- . Canta mais xente ía coñecendo o invento mais se achataban as curvas do ciclo e menos negocio faciamos nós e mais todos. Ata que chegou o día no que desapareceron de todo, convertidas nunha longa recta de pedra.
¡Boa fixemos, machiño! díxome daquela un Fernando Pío contrariado. Ó principio faciamos negocio calculando o Gz, pero agora temos que calculalo todos os días para non quedar co cu ó aire. ¿Viches xa o novo reloxo de Festina que da o Gz canda as horas? ¿Sabes meu?...¡Esto non che é vida! E eu que sempre devecín por unha economía planificada e sen sobresaltos...¡U-las curviñas aquelas do ciclo! Xa ó borde dunha golpe de angustia, vai Pio e exclama cara o teito do bar: ¡Pero por que nós, santo ceo!
-Porque somos parvos, sempre o fomos...¿acórdaste que ti eras de Beiras e eu daquel que primeiro non se adscribía e despois desapareceu? Xa daquela eramos parvos...¡Curri!, berrei polo taberneiro. ¡Anda, ponos outros cacharros, que non témolo día!
Pío e Sucasas, menuda parella! filósofos tabernarios de gran altura baixo o influxo das cuncas do gran Curras. Ide arranxalo mundo a ribeiros!!. O local e o seu dono, gran amigo noso, e digno de estudo polo National geographic
Sucasas soñou que a alternativa ós ciclos económicos capitalistas era unha "longa noite de pedra"...Quédanos por saber se foi un soño pracenteiro ou un pesadelo.
Arredemo!. Vai e resulta que as cuncas de vinho podem ser capazes de arranjar o tinglado económico. Eu perdendo o tempo pensando em como pagar a minha hipoteca, e a solução e baixar a taberna da esquina e deitar uns ribeiros. Muitas grazas, Sucasas, já tenho escusa para dizer-lhe a mulher, igual se anima e vêem ela também que seica dois bébedos pensam mas que um.
Imos ben!. Os galegos arranxamos o mundo na taberna, de tódolos xeitos teña coidado coa volta a casa cando choiva non se poña a beira de un tellado con goteiras, pode votar toda a noite co "aparello" fora agardando deixar de escoitar o ruído para gardalo.
Coma sempre parabéns.
Con perdón e sen ánimo de ofender, non sería mellor descubrir o punto G da "conasúa"?
(É unha broma)
Xúrovos que eu non escribín esto. Xa puxen o tema nas mans dos meus avogados (non sei cantos teño), porque este atropello vil non pode quedar así. Supoño que detrás está o Editor de Vieiros, que me quere desprestixar cara as próximas eleccións, porque non quixen...(ata aquí podo falar).
Eu créote vonMises. Ben sei que non é doado crerte pola afiada navalla semántica empregada e polo ben pergueñado do texto; pero eu créote. E fagoo, porque o texto...escribino eu!
Nota para o Editor de Vieiros: a minuta polo artigo pásema á conta 2091.********
José Luís Sucasas Fernández naceu en 1959 en Cadrón(Lalín). Economista e enxeñeiro técnico informático, concorreu en 2003 e 2007 nas listas do BNG do seu municipio. Como escritor publicou dúas obras: O paxaro que ninguén ve (2002) e Soñaron buratos na terra (2003).