As dores colocáronnas os deuses aos pes dos mortais, mais os bens moi lonxe de nós; no medio puxeron o esforzo (Posthoméricas, Quinto de Esmirna )
No balbordo dos pactos, dos alcaldísimos e dos vicealcaldes, das fotos que agochan no decorado o baleiro programático, lembro o defunto debate político sobre a reforma do Estatuto; debate esgotado cun enorme fracaso político, o que supuxo para o país non ter acadado un proxecto estatutario capaz de aglutinar aoredor do texto a vontade de ampliar o noso autogoberno.
Fracaso que no curto prazo parece non nos afectar, mais que amosa as carencias do mapa político galego, afogado por un turnismo compracente coas políticas económicas e sociais da globalización capitalista, turnismo conformista e temeroso cos procesos de transformación social (o cambio tranquilo que reclama Touriño, ou os ritmos indesexables do cambio para Quintana ) e por unha lei electoral imposta polo PP e a que o goberno bipartito non é quen de cambiar nun sentido democrático, que faga que cada voto sexa igual e que non condee á non representación as expresións políticas hoxendía minoritarias.
Semella que naquelas xuntanzas dos tres partidos houbo non pouco de oportunismo e circo mediático, en troques de traballo, contidos e vontade de chegar a un acordo. Algo falla cando á demanda cáseque unánime da sociedade galega a prol de conquerir unha reforma ambiciosa do Estatuto, respostaron os partidos presentes no Parlamento de Galicia cun sonoro e vacío entrechocar de verbas estériles, que son aquelas que non froitifican en nada, nin en cambios legais nin en xeración de consciencia. Os acordos non son en sí bos ou malos, dependen do contido e éste da capacidade das forzas en cuestión para acadalo. Non quedan en bo lugar as parlamentarias e parlamentarios actuais en relación cos seus antecesores constituíntes (Comisión dos Dezaseis que foi quen de conquerir para o noso país unha fórmula, a de nacionalidade histórica, que nos recoñecía semellantes ás nacións onde estaba máis desenvolvida a consciencia nacional), por ter estragado unha oportunidade para acadar un estatuto que reflicta a realidade da nación galega, asemade de procurar novos dereitos para a nosa cidadanía.
Obxecto de mercadeo
O Estatuto non é como dí a dereita política algo superfluo para o pobo galego, nen un obxecto de mercadeo por parte do goberno bipartito, o estatuto é unha ferramenta indispensable para mellorar as condicións de vida do conxunto da sociedade galega. Ferramenta para acercar ao goberno á cidadanía, para gañar competencias sobre cuestións que nós mellor que ninguén coñecemos e podemos solucionar, para gañar representación na Unión Europea, para desenvolver novos dereitos e pelexar polos actuais, para coadxuvar incluso á reforma territorial do Estado e que éste chegue a ser unha república federal...
O Estatuto non acadado reflicte especularmente algunhas das eivas que padecemos; espello insubornable devolvenos a imaxe real de nós, a pobreza e a falta de ambición social e nacional da esquerda parlamentaria. Úrxenos a pór enriba dos días traballo e propostas, cada un de nós no seu ámbito respectivo, para devolver a palestra política o debate acerca da reforma estatutaria, en clave social, nacional e federal, de dereitos sociais e liberdades nacionais. Tarefa preñada de esforzos mais fértil para o noso porvir como sociedade; a ela quedamos convocados en réximen de autoconvocatoria a causa do abouxador silenzo institucional que pesa sobre o noso autogoberno.
"Balbordo de pactos" também em Ferrol e protagonizado, entre outros, pola autora do artigo, nom é? Ou é que o inferno som sempre os outros?
No caso da paralizaçom do estatuto, sim é lástima que IU nom negociara com o grupo parlamentar do PP (a reforma do estatuto precisa 2/3 para a sua aprobaçom) Seria um diálogo (quase certo que em castelhano, isso sim) insubornável prenhado de sucesso vindo de dirigintes de IU tam esclarecidos, como aqui fica demonstrado.
Vontade de acordo por parte do BNG e PSdeG (e EU) pódese ter toda a que se queira, que se o PP di que nanai, é que nanai. A non ser que acordemos que no Estatuto apareza explicitamente a vontade de aniquilación do galego, por exemplo. Entón se cadra o PP aceptaría.
Tal vez, sexa que son moi novo e teño que pedir perdón coma o poeta celso por ser tan parvo, os meus 30 anos o que podo dicir de BNG, PSdeG, PP, é que danme noxo, existen nunha realidade paralela a miña, onde a xente traballa asegurada as 8 horas por ley, onde o galego e unha lingua descoñecida, (como din as miñas tías nos falamos gallego),e o que montan no parlamento galego parace un circo, partindo desta base os que non teñen o poder poden críticar, eles non se cargarón o lugar onde estaba o círculo lítico da mourela, non permtirón Reganosa na ría de Ferrol, minas no Courel,edificar nas costas do parque rosalia etc. Polo cal ánimo Iolanda, algúns parvos que temos que buscar o sustento fora,(son un mil eurista) temos esperanza en representates coma tí, para que haxa un amencer despois desta longa noite de pedra.
Gusto de ver máis mulleres opinando neste espacio e de que se amplíe a xente próxima a outros partidos. Propoño que se enriqueza con algún outro nome, e suxiro dúas políticas que admiron ben: Manuela López Besteiro e Corina Porro.
Pois paréceme ben coherente o que di ista señorita. O do Estatuto é unha vergoña
Un Estado Federal... Quen nolo dese. En Galiza pode que en maior proporción que na España de fala española, pero aínda así, coido que o pobo (non me gusta falar do pobo en van, pero o tema obriga) non está para segundo que discusións (sobre todo pola presión das hipotecas, os salarios de miseria, prezos astronómicos das necesidades máis básicas, vivenda... ah si, esquecía, e o terrorismo de ETA, claro). O erro imperdonábel dos políticos da esquerda (se que aínda quedan) é que non dan conectado coa xente, non confiamos neles (case tanto como nos de dereita). Sempre coas súas boas palabriñas, sempre coas súas leis impolutas que resolverán os nosos problemas, constitucións, estatutos, promesas electorais incumpridas... Quero deixar claro que me considero de tradición esquerdista, nacionalista e profundamente republicana, pero tamén comezo a sentir síntomas de cansanzo. Unha proposta: antes de reformar o estatuto, coido que sería moito máis útil para a cidadanía que se reformase a lei electoral, xa non só para correxir a representatividade dos votos aos partidos como indica Iolanda, senón tamén para lexitimar a representatividade dos votos en branco. É dicir, que os escanos que correspondan ao voto en branco se trasladen ás cámaras. Estarían aí moitas das persoas que hoxe se dedican á política? Devezo por constatalo empíricamente.
Polo demais, as palabras de Iolanda, aparte de abundante boismo e saudade republicana, trasluce non só un descoñecemento desconcertante de Galiza, senón tamén a mesma receita que levan aplicando durante décadas en todo o Estado español e que a xente non cre salvo excepcións, porque na praxe política acábanse baleirando de contido tanxíbel, de solucións para os problemas das persoas. Moi probabelmente o parlamento galego non representa a pluralidade real da sociedade, pero cómpre lembrar que a Fraga o votaban os nosos concidadáns en porcentaxes altísimas e iso é un dato inapelábel. Unha vez que a cidadnía madureceu cara outras opcións políticas, ver se nos aplicamos para que os seus herdeiros non volvan gobernar. Coido que para iso o país precisa políticos capaces de dialogar entre eles e coa sociedade, non ese espectáculo de peixeira, onde cada un dos interlocutores está en galaxias distintas. E o pobo? intentando reunir euros para chegar a final de mes.
Fico contente com que Iolanda Díaz decidisse aparecer por aqui. O que diz é sensato, e é imprescindível que se diga. Não lhe sobra nada ao bipartit algumas notas desde a esquerda. De resto os meus melhores desejos para a gentinha de Esquerda Unida, nestas últimas quase-quase o conseguis. Fazei-vos ver e não fujais que a coisa nos pode ir melhor a todos, sempre que aspireis a ser algo mais do que uma sucursal de Izquierda Unida!
Ai como me encanta que Iolanda faga de EU unha esquerda Unida mais ao estilo catalana, recoñezan o Pais e fagan o esforzo, como fixo ela, de usar o galego polo menos publicamente. Estabamos moi afeitos a militantes de EU moi mixiricas co galego. Esta rapaza foi quen de que muita xente que viña votando, mesmo históricamente, polo BNG en ferrol fose co seu nome na urna.
A ver se ten sorte e non nola torea o PSOE.
Que queredes que vos diga, é que nos encanta esta rapaza.
concordo con moitas e moitos de vós sobre o pertinente da colaboración de iolanda díaz. mais é preciso facer dúas matizacións:
brais, non é unha señorita. é unha muller.
kurumun, non é unha rapaza. é unha muller.
Prezado Xiurisma, o de señorita non quería ser despectivo. A min gústam ler a opinión desta muller e coincido co que di que se tiveramos un Estado Federal sería moito. Eu aínda me conformaría con menos como primeiro paso. Por exemplo, cun Estado das Autonomías onde só tiveran o rango diferenciador Euskadi, Cataluña e Galiza. Eso sería moito mellor ca un Estado Federal de café para todos, ou non?
Parabéns a Vieiros por incluir Iolanda como nova colaboradora. Penso que ten cousas interesantes a dicir, como mostra este primeiro artigo.
Contodo, hai dúas cousas que non entendo:
1. Falar de turnismo no poder autonómico, cando aínda estamos a saír dunha situación de dominio absoluto do fraguismo, paréceme unha boutade -a menos que, inspirada pola cita clásica, Iolanda teña se sentido impulsada a lanzar unha profecía: o futuro e Tiresias darán ou tirarán razóns.
2. Vaciedade programática e falta de coerencia dos tres grandes partidos galegos. Estou de acordo, con moitos matices e en diferentes graos, canto a este axioma non demostrado pola autora. Porén, non creo que o feito de seren minoritarios faga outros partidos máis coerentes: se non, que lle pergunte Iolanda aos seus compañeiros e compañeiras de IU en Asturias por que defenden para Xixón o que ela rexeita para Ferrol.
Para rematar, concordo totalmente coa necesidade de reformar a perversa lei eleitoral fraguista, mas non só no sentido de rebaixar o mínimo eleitoral para atinxir representatividade, senón tamén en varios outros aspectos ao menos tan relevantes como ese.
P.S. para os eufóricos: unha formación política articulada en volta dun partido comunista, como é o caso de EU/IU, non ten nengún interese en apostar por unha concepción nacional nun contexto como o galego, que nen dispón de estrutura de Estado nen ten perspectivas de lograla nen no curto nen no medio nen no longo prazo. Xa sei que ides retrucar coa UPG: pois ben, así lle vai... Chegará un día en que oa primeiros entendan que asi non teñen lugar na sociedade galega, e en que os segundos entendan que o mellor servizo que poden facer ao país é disolverse nun espazo de esquerda nacionalista e plural. Chegará, pero ha demorar...
Parabéns a Vieiros por contar con Iolanda como colaboradora e parabéns tamén a Iolanda polo artigo, de certo que me gosta como actúa na política, espero que non defraude no vindeiro goberno de Ferrol.
O tema do estatuto da para moito e comezar escribindo sobre este enorme tema pendente e abondo ambicioso, poderíase abordar o tema de Reganosa ou a enorme crise social e eónómica da comarca de Ferrolterra por alguén que creo que os coñece bastante ben para tratalos fora de demagoxias e lecturas parciais tan espalladas aínda hoxe.
Unha aperta para Iolanda.
Señor Brais, vosé o que é é un socialdemócrata touriñista (con todo o respecto para os taurinos)
Iolanda ten que ser candidata a XUNTA. Eu serei pois ex-BNG
Non me parece mal que comece a súa colaboración con este artigo como compoñente do governo municipal de Ferrol. Máis adiante estarei a espreita da súa implicación noutro tema político que abrangue ó noso país.
Tamén penso que o Estatuto é imprescindible para Galiza e non entendo como o BNG segue calado.
Olá a todos/as : Principio neste foro explicando que son o que leva un novo blog de "esquerdaunida-ferrol.blogspot.com " ou "polaesquerda@gmail.com " , coas principais iniciativas e noticias políticas e sociais que interesan a esta organización, onde como xa sabades, Iolanda Díaz é a nova Tente. Alcaldesa e Coordinadora Nacional GZ.
Podedes consultar noso modesto e básico blog que serve para comunicar con vos, preguntando preguntas a Iolanda e algún outro representante de Esquerda Unida.
Saúde, Paz e República para tod@os.
Xosé M. Sanxoán no Blog
Ola a tod@s!
Decirvos que estades pecando e bastante de ixenu@s. Non vos preocupedes, eu piquei antes. Non vos deixedes enganar por catro palabras fermosas e por unha pseudodeclaración de intencións. O que conta YOLANDA, contao "de cara a GALERIA". YOLANDA chegado o momento a facer o qeu máis lle conveña, non a Galicia/Galiza, e ela e os seus (non máis dos dedos dunha man).
Digoo con coñecemento de causa.
Di meu primo que "nunca fala un limpo", e falando de fracasos, de turnismos, "turnismo conformista e temeroso cos procesos de transformación social", que medo sería o de Yolanda e compañía, cando decidiu/ron pechar á afiliación da súa organización, a redacción da proposta de Estatuto de Galicia? E falando de Estatutos, digo eu ¡que convicións Estatutarias a de Yolanda! "O Estatuto non é..... algo superfluo, nen un obxecto de mercadeo, o estatuto é unha ferramenta indispensable ......" Vale Yolanda, pois aplicate o conto, e empeza por respetar e facer respetar os Estatutos da Organización a que pertences, en vez de pasalo por .... e permitir que en EU-IU se vulnera calquera dos dereitos fundamentais dos afiliados.
A ficha de Yolanda Diaz em Vieiros, está mal, Yolanda nom naceu em Ferrol, naceu em Fene, Sam Valentim.
http://es.wikipedia.org/wiki/Y...
http://www.lavozdegalicia...
Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán .