Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reunión Xunta-Estado

A dispersión e o avellantamento pesarán máis no novo financiamento

O conselleiro de Economía anunciou que "hai un compromiso", que tamén garantiu diñeiro "suficiente" para as competencias transferidas.

Redacción - 19:10 05/09/2008
Fernández Antonio (esquerda) e Ocaña, este venres

Fernández Antonio (esquerda) e Ocaña, este venres

O conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, anunciou este venres que o Estado se comprometeu a aumentar o peso da dispersión e o avellantamento da poboación no novo modelo de financiamento autonómico, así como a garantir o diñeiro "suficiente" para todas as competencias transferidas ás comunidades autónomas.

Fernández Antonio mantivo unha reunión este venres pola mañá co secretario de Estado de Facenda, Carlos Ocaña, a primeira da segunda rolda de contactos coas comunidades autónomas que iniciou o ministerio español de Economía para abordar o novo sistema de financiamento.

"Hai un compromiso do goberno (español) e do Ministerio de Economía e Facenda para recoller a totalidade dos servizos no novo modelo de financiamento, é dicir, hai un compromiso de financiamento suficiente para todas as competencias das comunidades autónomas", subliñou o conselleiro.

Ademais, sinalou que o ministerio "comparte tamén a necesidade de que haxa unha maior ponderación do avellantamento da poboación e da dispersión", comprometéndose así a recoller "de xeito axeitado" os factores diferenciais de custos para Galiza e que "son os responsábeis do encarecemento da prestación de servizos".

Factor diferencial de custo

"Galiza ten o 50% das entidades de poboación de España e iso é un factor diferencial de custo que é intrínseco á nosa forma de vida e que se ten que reflectir no novo modelo", resaltou. Neste senso, indicou que a Xunta solicita ademais que estes factores de corrección se incorporen en servizos públicos en que hoxe non están, como son os servizos sanitarios e de atención a dependentes.

Fernández Antonio agradeceulle ao secretario de Estado a súa "disposición" a ter unha negociación "inmediata" coa Xunta, ao ser esta a que abre a rolda de reunións coas comunidades e a súa "satisfacción" polos compromisos adquiridos polo goberno español nun proceso de negociación "difícil". Neste senso, recalcou a intención do Goberno de xuntar forzas dentro do Hórreo.


3.33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: